Monday, 03 June 2019 10:48

A Xunta destaca o papel da formación en competencias 4.0 para o crecemento das pemes e o avance na dixitalización do tecido industrial

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Vigo na presentación do encontro 'Industria 4.0: a cooperación entre persoas e máquinas'. A xornada, organizada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia, forma parte do programa Capacita Directivos, que desde 2015 ten realizado 43 accións ás que asistiron 7600 persoas.

Vigo, 30 de maio de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Vigo na presentación do encontro Industria 4.0: a cooperación entre persoas e máquinas, onde resaltou que a aposta continuada das empresas e centros de investigación e tecnolóxicos pola adaptación das competencias dos equipos humanos á dixitalización e á robotización industriais é clave para reforzar o seu crecemento e competitividade.

A xornada forma parte da iniciativa formativa Industria 4.0: chave para a mellora da competitividade de Galicia, posta en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia, dentro do programa Capacita Directivos.

O director do Igape destacou que desde 2015, ao abeiro deste plan, téñense realizado 43 actividades formativas nas que participaron 7600 asistentes, aos que se sumarán os 1600 previstos nas accións que se están a realizar en 2019, co obxectivo de desenvolver novas competencias nas persoas e nas empresas mediante a formación en eidos como estratexia, xestión e tecnoloxías vinculadas ás oportunidades que achega a Industria 4.0.

Cividanes subliñou a relevancia de desenvolver as capacidades do capital humano que vai demandar a extensión da dixitalización no tecido produtivo e que os robots non poden desempeñar, competencias claves para o mantemento e xeración de emprego industrial de calidade e para a consolidación da fábrica intelixente.

Puxo de manifesto, ademais, o compromiso da Xunta no apoio á dixitalización e á innovación tecnolóxica das empresas galegas a través doutros programas promovidos polo Igape, como as axudas á dixitalización, iniciativa que apoia a xeración de proxectos realizados colectivamente e que concede axudas a pemes. A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén desenvolve os Premios Industria 4.0, que teñen como obxectivo avanzar na implantación da fábrica intelixente nos sectores estratéxicos de Galicia. Na terceira edición deste programa participan seis clústeres e medio centenar de pemes.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments