Tuesday, 25 June 2019 09:50

A Xunta obtén o premio Iniciativa da Administración dos enxeñeiros informáticos polo apoio e fomento da Industria 4.0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é galardoada polo seu programa de axudas á dixitalización desenvolvido a través do Igape. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) distingue con estes recoñecementos as iniciativas ou persoas relacionadas co desenvolvemento en Galicia no ámbito das TIC. O Goberno galego prevé coa presente convocatoria chegar a 500 empresas e mobilizar máis de 13 millóns de euros. Con estas medidas a Xunta favorece o desenvolvemento da Axenda 4.0, co obxectivo de acadar un novo modelo industrial máis competitivo e cunha maior proxección exterior.

Santiago de Compostela, 22 de xuño 2019.- A Xunta de Galicia vén de ser galardoada polo seu programa de talleres e axudas á dixitalización que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape. O premio Iniciativa da Administración, outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG), será entregado o vindeiro 28 de xuño en Santiago de Compostela na gala da XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.

O galardón, que recoñece a aposta deste programa do Goberno galego a prol da transformación dixital e a modernización do tecido empresarial galego, distingue dez categorías onde se premian diferentes iniciativas ou persoas relacionadas co desenvolvemento en Galicia no ámbito das TIC.

Entre os premiados nesta XI edición tamén están Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ou Mónica Fernández Bugallo, profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook en Nova York.

A través do Igape, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, destinará este ano 5 millóns de euros a impulsar iniciativas que xeran proxectos colectivos de dixitalización nas pemes da Comunidade e a apoiar así investimentos nestes ámbitos. Mediante os cursos e axudas ao desenvolvemento dixital, que contan con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), prevese mobilizar máis de 13 millóns de euros e chegar a 500 empresas galegas.

Con estes instrumentos, o apoio do Goberno galego á modernización das pemes galegas é dobre. Dunha banda, o tecido asociativo galego poderá organizar cursos para a xeración de proxectos de dixitalización realizados colectivamente, que serán financiados ao 100%; e doutra, concederanse axudas a empresas para investimentos no eido dixital, que poderán cubrir ata o 30%, no caso das pequenas compañías, e ata o 20% para as medianas.

Estes programas veñen reforzar as medidas da Xunta para favorecer o desenvolvemento da Axenda 4.0, co obxectivo de acadar un novo modelo industrial máis competitivo e cunha maior proxección exterior. Así, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia as iniciativas do tecido empresarial galego para impulsar a fábrica intelixente, a través dos Premios Industria 4.0 que xa van pola súa terceira edición, e reforza o labor que se está a desenvolver a través do programa ReAcciona TIC para acelerar a dixitalización do tecido empresarial galego.

 

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments