Monday, 01 July 2019 10:59

A Xunta recibe o premio Iniciativa da Administración do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia polo seu apoio á dixitalización

O Goberno galego, a través do director do Igape, Juan Cividanes, recolleu na gala da XI Noite da Enxeñaría en Informática celebrada hoxe en Santiago o galardón polo programa de axudas á dixitalización. Esta iniciativa prevé mobilizar máis de 13 millóns de euros e chegar a 500 compañías na presente convocatoria. Cividanes destaca o apoio da Xunta á transformación dixital e modernización do tecido empresarial galego mediante o desenvolvemento da Axenda Industria 4.0. O Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) distingue dez categorías onde se recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no sector das TIC.

Santiago de Compostela, 28 de xuño 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, recolleu esta noite en Santiago de Compostela o premio Iniciativa da Administración, outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG) durante a celebración da gala da XI Noite da Enxeñería en Informática de Galicia.

Este recoñecemento premia o programa de talleres e axudas á dixitalización que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape e que apoia a dixitalización da Industria 4.0. Na convocatoria deste ano, esta iniciativa pretende chegar a 500 compañías a través de axudas que ascenden a 5 millóns de euros e que prevé mobilizar máis de 13 millóns.

No acto de entrega, Cividanes agradeceu o galardón recibido polo CPEIG que distingue o traballo que desenvolve o Goberno galego a través da Axenda Industria 4.0, a folla de ruta da Administración autonómica para acadar un novo modelo industrial. Concretamente, o programa premiado impulsa a modernización e transformación do tecido empresarial galego cara á fábrica intelixente e conectada.

Durante a celebración desta undécima edición da Noite da Enxeñería en Informática de Galicia, que ten como obxectivo mostrar á sociedade o traballo que desenvolven os enxeñeiros informáticos galegos, foron premiadas dez categorías que distinguen iniciativas e persoas destacadas no ámbito das TIC.

Entre os galardoados están Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que foi premiado pola súa traxectoria profesional; a empresa Hijos de Rivera e a asociación Alastria, que recibiron o premio Iniciativa Empresarial; ou a proposta “Camino de los Satélites” da Fundación Tecnolóxica Social (Funteso), que logrou o galardón e-Inclusión por mostrar tecnoloxías socialmente responsables para facer accesible o Camiño de Santiago a todo o mundo.

A través da iniciativa do Igape premiada, que conta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), o tecido asociativo empresarial galego pode organizar talleres para a xeración de proxectos de transformación dixital realizados colectivamente, que son financiados ao 100%. Ademais, as empresas teñen a súa disposición axudas para investimentos 4.0, que poden cubrir ata o 30%, no caso das pequenas compañías, e ata o 20% no das medianas.

No desenvolvemento de solucións ou sistemas de dixitalización teñen prioridade iniciativas colectivas, é dicir, as que impliquen a un grupo de empresas que colaboren na implantación de sistemas de dixitalización para interactuar entre elas e que, de maneira opcional, poden estar coordinadas por un organismo intermedio. Tamén poden acollerse proxectos individuais de pemes para avanzar na súa propia transformación dixital. O prazo para a presentación de solicitudes da segunda convocatoria rematará o vindeiro 21 de setembro.

Ademais destes programas, a Consellería de Economía, Emprego e Industria desenvolve outras iniciativas como os Proxectos Industria 4.0, que permiten avanzar na implantación da fábrica intelixente e que xa van pola súa terceira edición, ou o Reacciona TIC, que busca optimizar a modernización e innovación tecnolóxica coa implantación de solucións 4.0 nas pemes galegas.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments