Friday, 05 July 2019 09:07

A Xunta pon en valor os 17 proxectos do coworking de Celanova polo seu empuxe aos servizos orientados ao territorio

A localidade ourensá acolleu hoxe o demoday da cuarta edición da aceleradora da Limia, impulsada pola Consellería de Economía Emprego e Industria e a Escola de Organización Industrial (EOI). Os novos empresarios poden seguir contando cos servizos e liñas de axuda da Administración autonómica. Entre as actividades que participaron na iniciativa inclúense proxectos vinculados aos sectores téxtil, agroalimentario, turístico e de servizos. O coworking de Celanova apoiou desde 2016 un total de 82 plans de emprendemento dos que 45 xa están en marcha.

 

 

Celanova (Ourense) 4 de xullo de 2019.- O salón de actos do Mosteiro de San Salvador en Celanova acolleu hoxe a presentación dos proxectos da cuarta edición do coworking de Celanova-Terras de Limia, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industria (EOI), na que se achegou formación e asesoramento para o desenvolvemento dun total de 17 proxectos.

Os emprendedores, que recibiron asesoramento personalizado para poñer en marcha os seus proxectos empresariais, optaron por ámbitos de actividade tan diversos como a creación de empresas do sector da moda ou de servizos tecnolóxicos co uso de drons, así como de produtos relacionados coa valorización dos recursos do territorio, como o turismo ou a oferta de produtos agroalimentarios.

Desde o comezo da súa actividade no 2016 ata finais do 2018, o coworking de Celanova-Terras da Limia apoiou 82 plans de emprendemento, dos que 45 xa están en marcha. Estes proxectos levan asociados a creación ou mantemento de 69 empregos. A estimación coa edición que agora remata é de 15 postos de traballo relacionados coas iniciativas aceleradas.

A iniciativa forma parte da rede de espazos coworking coa que, a través do Igape, e, en colaboración coa EOI, a Xunta favorece o desenvolvemento e consolidación de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio. Durante os catro anos que leva en marcha, esta iniciativa apoiou a máis de 700emprendedores e un total de 641 proxectos en toda Galicia.

Durante a súa formación, os novos empresarios tamén recibiron información polo miúdo dos instrumentos de apoio dispoñibles que axudan a consolidar os seus proxectos despois de rematar o coworking.

Deste xeito, os emprendedores teñen a súa disposición programas que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria como o Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, que a través das súas últimas convocatorias achegarán axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros. Ademais as iniciativas empresariais de nova creación teñen á súa disposición instrumentos de financiamento habilitados por Xesgalicia e o Igape.

Os espazos coworking forman parte da aposta da Xunta polo impulso e consolidación de novas empresas, que, a través da plataforma StartIN, ofrece apoio integral ao emprendemento en todo o territorio e que nos últimos cinco anos apoiou máis de 1000 proxectos. Ademais, esta iniciativa desenvolve as business factories dos sectores da alimentación (BFFood), a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada nos eidos agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa).

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments