Friday, 12 July 2019 09:30

Os emprendedores do coworking de Ferrol apostan pola dixitalización, os servizos personalizados e o desenvolvemento cultural

Un total de 24 emprendedores participaron na cuarta edición da aceleradora, que promove a Xunta coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI). Os novos empresarios ofrecen produtos e servizos que revalorizan os recursos do territorio e inciden na implantación de tecnoloxías 4.0. Entre as actividades impulsadas resaltan as enfocadas a servizos culturais e formativos, audiovisuais, de deseño industrial ou a produción agroalimentaria sostible. O espazo de aceleración ferrolán apoiou desde 2016 un total de 87 plans de emprendemento dos que 38 xa están en marcha.

Ferrol, 11 de xullo de 2019.- A sede do CIS Galicia acolleu esta mañá o demoday que pecha a actual edición do coworking de Ferrolterrra, no que participaron 24 emprendedores que desenvolveron os seus proxectos empresariais no espazo de emprendemento que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), e no que recibiron formación e asesoramento individualizado.

Os novos empresarios, que promoven 22 iniciativas, optaron por diferentes sectores de actividade como o dos servizos tecnolóxicos e formativos apoiados nas TIC ou a xestión e o fomento dos recursos culturais; iniciativas do ámbito da comunicación e produción audiovisual, do deporte e o tempo de lecer; os coidados; a agroalimentación sostible; o deseño industrial ou a fabricación personalizada de mobles e a industria da saúde.

Deste xeito, as ideas innovadoras dos emprendedores adecúan as súas propostas ás novas demandas máis individualizadas e específicas dos clientes nos actuais mercados, así como a aposta pola calidade dos produtos e servizos que poñen en valor os recursos do territorio e o acervo cultural galego e mundial e pola implantación de tecnoloxías 4.0 en diferentes sectores produtivos.

O coworking de Ferrolterra, que nas tres edicións anteriores apoiou 65 proxectos emprendedores, forma parte da rede de espazos de aceleración, que conta con cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE), co obxectivo de promover o desenvolvemento de plans empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

Desde o comezo da súa actividade en 2016 ata a actualidade, dos proxectos acelerados neste espazo xa están en marcha 38 e no último cuadrimestre do presente ano está previsto que comecen a funcionar seis máis. Ademais, estes plans de emprendemento levan asociados a creación ou mantemento de 47 postos de traballo.

Unha vez rematado o proceso de formación con titorías especializadas, os novos empresarios poderán acollerse aos programas que ofrece o Goberno galego para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá dos proxectos dos emprendedores. A través do Igape, poden acceder a programas como o Galicia Emprende, así como os préstamos directos como os activados no programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará mediante as últimas convocatorias do programa Galicia Emprende e do Galicia Rural Emprende, axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros. O prazo de solicitudes para as axudas do Galicia Emprende permanecerá aberto ata o vindeiro 10 de outubro.

Nestes días están a finalizar tamén as accións de formación e asesoramento das actuais edicións dos espazos coworking de Compostela, Celanova-Terras da Limia, A Mariña lucense, A Ribeira Sacra, o Salnés e Ourense, nas que, en conxunto, se apoiaron 167 novos proxectos de emprendemento. Durante os catro anos que leva en marcha, esta rede de aceleradoras impulsou un total de 641 plans empresariais de 700 emprendedores.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments