Friday, 19 July 2019 10:50

Os 19 emprendedores do coworking da Ribeira Sacra poñen en valor os recursos do territorio e apostan pola produción sostible

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asistiu hoxe en Monforte á presentación das iniciativas emprendedoras desenvoltas na aceleradora na que colaboran Xunta e Escola de Organización Industrial (EOI). Os novos empresarios escolleron ámbitos de actividade como servizos formativos e culturais, o deseño, o turismo activo ou a agroalimentación sostible, entre outros. Os participantes contaron con asesoramento especializado e titoría personalizada en Expolemos, onde se levan acelerados 79 plans empresariais, dos que 28 xa están en marcha, con 50 postos de traballo vinculados.

 

Monforte de Lemos (Lugo), 18 de xullo de 2019.- O Centro Cívico de Monforte de Lemos acolleu hoxe a presentación dos proxectos acelerados na cuarta edición do coworking da Ribeira Sacra, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), e no que 19 emprendedores recibiron formación e asesoramento á medida para o desenvolvemento dos seus plans empresariais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou na clausura do acto de presentación das iniciativas, nas que os novos empresarios optaron pola oferta de servizos e produtos en diferentes ámbitos de actividade, como os relacionados coa valorización de recursos do territorio, o turismo activo, a hostalería e a agroalimentación sostible; servizos tecnolóxicos e formativos apoiados nas TIC; iniciativas do ámbito do márketing; a produción e promoción musical; o benestar e a saúde; e o deseño de espazos e moda especializada.

Nas catro convocatorias da aceleradora da Ribeira Sacra levan participado ata o momento máis de 96 emprendedores con 82 proxectos, dos cales 28 xa iniciaron a súa actividade empresarial. Estes proxectos levan asociados a creación ou mantemento de 50 empregos. A iniciativa forma parte da rede coworking creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), para favorecer o desenvolvemento de plans empresariais e a creación de emprego sobre o territorio.

Este apoio da Xunta para o fomento do espírito emprendedor, sobre todo nos concellos do rural, súmase aos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, que a través das súas últimas convocatorias achegarán axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros. Ademais, as iniciativas empresariais de nova creación teñen á súa disposición apoios ao financiamento, como o programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) do Igape ou o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras xestionado por XesGalicia.

Nestes días están a finalizar tamén as accións de formación e asesoramento das últimas edicións dos espazos coworking de Santiago de Compostela, Celanova-Terras da Limia, Costa da Morte, Ferrolterra, A Mariña lucense, o Salnés e Ourense, nas que, en conxunto, se apoiaron 167 novos proxectos de emprendemento. Durante os catro anos que leva en marcha, esta rede impulsou un total de 641 plans empresariais de 700 emprendedores.

A aposta da Xunta polo impulso e consolidación de novas empresas consolídase a través da plataforma StartIN, coa que se ofrece apoio integral ao emprendemento en todo o territorio, apoiando nos últimos cinco anos máis de 1000 proxectos. Ademais da rede coworking, desenvolve as business factories dos sectores da alimentación (BFFood), a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada nos eidos agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa).

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments