Friday, 19 July 2019 11:06

Galicia mobilizará 900 M€ ata 2020 para avanzar a través da Axenda 4.0 na transformación industrial e crear 13.500 novos empregos

A Xunta destinará 350 millóns de euros en catro anos a esta folla de ruta co obxectivo de anticiparse aos cambios, aumentar o tamaño das empresas, favorecer o talento dixital e a reinvención da industria. Este ano e o que vén prevese o reforzo dos programas xa en funcionamento e a posta en marcha de novas liñas de actuación que faciliten a transformación dixital, co desenvolvemento de servizos, solucións, ferramentas de colaboración e financiamento 4.0 para as pemes galegas. Entre outras iniciativas, poñeranse en marcha os Centros de Fabricación Avanzada, para validar recursos de tecnoloxías dixitais ‘made in Galicia’ en sectores industriais concretos; e un programa para impulsar o desenvolvemento de provedores de maquinaria industrial. Tamén se activará un plan integral de financiamento para investimentos en tecnoloxías emerxentes e desenvolveranse os Hubs de innovación dixital. A nova Axenda levarase á Mesa do Diálogo Social, na que participan representantes empresariais e sindicatos. Desde o lanzamento do plan en 2015 mobilizáronse máis de 935 millóns de euros, chegando a case 9000 empresas.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2019.- A Xunta destinará 350 millóns de euros ata 2022 ao desenvolvemento da Axenda Industria 4.0, co obxectivo de anticiparse aos cambios do novo modelo, aumentar o tamaño das empresas, favorecer a aposta polo talento dixital e contribuír á reinvención do tecido industrial galego e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico. Deste xeito, seguirase afondando no impulso á xeración dun novo tecido empresarial competitivo na economía global e conectada, facilitando ademais a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns de euros nos próximos catro anos.

O obxectivo é manter Galicia como unha das comunidades líderes a nivel estatal no desenvolvemento da nova industria e da fábrica conectada, así como na dixitalización. Xunto coa xeración dunha industria intelixente, na que o capital humano sexa capaz de anticiparse aos cambios e xestionar as vantaxes das novas tecnoloxías, esta folla de ruta servirá nos próximos anos para continuar a impulsar o crecemento de tecido empresarial que aposte pola innovación e a internacionalización mediante a diversificación de produtos e mercados.

Tal e como se informou hoxe no Consello da Xunta, a partir da redefinición das áreas de acción en que se estrutura a Axenda –composta por catro bloques: estratexia, asesoramento, talento e financiamento–, este ano e o que vén (2019-2020) xa se desenvolverán catro medidas clave que afondarán na transformación do tecido produtivo cara á Industria 4.0: a prestación de servizos ás pemes (Servizos 4.0); o desenvolvemento de centros de fabricación avanzada (Solucións 4.0); a creación dun Observatorio da Industria 4.0 (Plataforma 4.0); e un programa de financiamento para as empresas (Financiamento 4.0).

A primeira medida destacable é o impulso de servizos 4.0 dirixidos ás pemes, que se materializará no lanzamento de novas business factories e no desenvolvemento dos Hubs de innovación dixital xa activados, enfocados especialmente cara a sectores estratéxicos, así como ás tecnoloxías emerxentes internet das cousas, big data e e analítica.

En segundo lugar, a posta en marcha de solucións para avanzar na nova industria concretarase, por unha banda, nos Centros de Fabricación Avanzada, que terán como obxectivo validar e demostrar recursos de tecnoloxías dixitais made in Galicia en sectores industriais concretos. Por outra banda, e mediante o fomento da colaboración entre empresas complementarias que xeren solucións conxuntas, impulsarase a iniciativa Maquinaria 4.0, que incidirá no desenvolvemento de provedores de bens de equipamento para a nova industria.

A estas actuacións engadirase unha terceira medida, que consiste na creación dun Observatorio da Industria 4.0, unha plataforma que facilitará o coñecemento mutuo entre axentes implicados e o deseño e activación de proxectos de colaboración.

Así mesmo, para favorecer a realización de iniciativas de cooperación en I+D e o avance en investimentos tecnolóxicos e investimentos estranxeiros, deseñarase unha cuarta medida clave: un programa integral de financiamento para as empresas que desexen fortalecer a súa competitividade por medio de iniciativas encamiñadas á consolidación do novo modelo industrial.

Estas catro medidas desenvolveranse baixo o paraugas da Gobernanza Industria 4.0, o órgano estable con representación dos axentes socioeconómicos (empresarios e sindicatos) para liderar a orientación e o desenvolvemento desta nova etapa industrial en Galicia. O novo modelo de Gobernanza 4.0 permitirá integrar as capacidades instaladas, crear polos de actividade ao redor das principais tecnoloxías e favorecer a especialización da industria galega.

Catro anos de impulso á Industria 4.0

A nova Axenda será presentada aos representantes empresariais e sindicais participantes na mesa do diálogo social, co obxectivo de coñecer as súas propostas e ver a posibilidade de incorporar medidas adicionais na nova folla de ruta. Este clima de diálogo é o mesmo que cando en 2015 foi aprobada co consenso de 120 axentes sociais e desenvolta pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Entre 2015 e 2018, a Axenda apoiou 8925 empresas, permitindo a mobilización público-privada de 935,6 millóns de euros en Galicia, ao tempo que se crearon 14.500 novos empregos industriais. Do total dos investimentos realizados, un 60% centrouse en medidas específicas da fábrica 4.0, unha porcentaxe que se prevé incrementar co plan de acción para os vindeiros dous anos.

A posta en marcha desta Axenda puxo a Galicia na vangarda do impulso á nova industria, sendo unha das comunidades autónomas de referencia en España, e situouna por diante da maioría das rexións europeas na implantación de actuacións de impulso á transformación e modernización do seu tecido industrial.

Así, a Business Factory Auto (BFAuto), as unidades mixtas de investigación, os proxectos Industria 4.0, as axudas á dixitalización e o Polo Aeroespacial de Galicia figuran entre as accións realizadas pola Xunta que están consideradas entre as mellores prácticas neste eido a nivel nacional.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments