Friday, 04 October 2019 10:35

Un cento de empresas galegas e portuguesas impulsan a súa internacionalización na Semana Contract Galicia

A Consellería, Emprego e Industria organiza esta iniciativa co obxectivo de incrementar as oportunidades de negocio a nivel mundial do sector especializado no equipamento integral de edificios colectivos. A novena edición das xornadas amplía a súa actuación ao norte de Portugal e consolida o evento como punto de encontro entre pemes e prescritores internacionais.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019.- Un total de 97 empresas participan esta semana en Santiago de Compostela na Semana Internacional Contract de Galicia, un encontro que se clausura esta tarde na cidade portuguesa do Porto e que ten por obxectivo seguir mantendo a Galicia como referente internacional no ámbito do equipamento de edificios colectivos. A iniciativa, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon en marcha por noveno ano consecutivo, ampliou nesta edición o seu ámbito de acción á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, no marco do programa europeo de apoio á internacionalización Ecicii Plus, e contou coa participación da Asociación de Empresarios e empresas de referencia no sector contract do país veciño.

Ademais de facilitar a colaboración entre as pemes galegas e portuguesas e 22 prescritores procedentes de Estados Unidos, Santo Domingo, Colombia, Perú e Holanda, entre outros países, as xornadas permitiron afondar nas oportunidades de negocio que ofrecen os mercados internacionais á industria contract e dar a coñecer os proxectos que neste ámbito desenvolven as compañías galegas.

Con máis de 9000 proxectos realizados en 800 cidades de todo o mundo, o 70% do sector galego está internacionalizado e conta con máis dun cento de empresas que desenvolven a súa actividade en máis de cen países, facturando algunhas delas o 95% da súa produción fóra da Comunidade. Entre os factores que fan posible o éxito na internacionalización desta industria, están a puntualidade dos seus procesos, a coordinación e a cooperación entre as diferentes empresas e a aposta clara pola sustentabilidade. Así, cadeas hoteleiras como Hilton, Four Seasons ou o grupo Marriot, ou firmas do retail como Inditex, Dior, Chanel ou Loewe confían en compañías galegas para o equipamento dos seus establecementos.

Ademais de mesas de debate e relatorios sobre experiencias en internacionalización, a IX Semana Contract incluíu encontros bilaterais e visitas a empresas especializadas no equipamento integral de espazos de uso colectivo, co obxectivo de aproveitar as oportunidades de traballo con multinacionais de diferentes campos, como o hoteleiro, o téxtil, a madeira, a enxeñaría e a construción, favorecendo as relacións comerciais e a xeración de negocio internacional.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments