Friday, 08 November 2019 09:16

A Xunta activará unha nova liña de préstamos para apoiar ás empresas auxiliares do sector naval

A Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitará estes apoios para contribuír a mellorar a situación financeira de provedores de bens e servizos de estaleiros que atravesan dificultades. A nova iniciativa incorporarase ao programa de préstamos directos para o financiamento empresarial, que dispón no seu conxunto dun orzamento de 36 M ata 202. Os apoios terán un importe mínimo de 50.000 euros e un máximo dun millón e contarán cun prazo de amortización de cinco anos.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019.- A Xunta activará unha liña de préstamos destinada a facilitar o financiamento ás empresas da industria auxiliar naval que poidan estar sufrindo retrasos nos pagos debido ás dificultades que están atravesando determinados estaleiros galegos. Búscase así apoiar a actividade dunha industria que ten a segunda maior carteira de pedidos de Europa e que conforma un sector clave na economía galega.

Tal e como se informou hoxe no Consello da Xunta, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vai aprobar esta nova liña dentro do programa de préstamos directos para o financiamento empresarial, que ten activo o Igape e que dispón no seu conxunto dun orzamento total de 36 millóns de euros ata 2021. Este programa apoia tamén investimentos estratéxicos, transportes por estrada que usan combustibles alternativos e infraestruturas de uso compartido e proxectos impulsados por centros tecnolóxicos e asociacións empresariais.

A través da nova iniciativa, a Xunta facilitará a concesión de préstamos comprendidos entre 50.000 e un millón de euros, que contarán cun prazo de cinco anos de amortización. Prevese que estes apoios melloren a situación financeira dos provedores de bens e servizos dos grandes estaleiros, nun sector que nos últimos anos está a realizar un importante esforzo por modernizarse e que está dotado dun capital humano altamente cualificado.

Tras a publicación proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) das bases que regulan esta liña de apoios, abrirase o prazo para presentar solicitudes para a convocatoria de 2019, que non pechará ata o próximo 31 de decembro. A edición de 2020 abrirá o prazo en xaneiro e permanecerá activo ata finais do vindeiro ano.

A nova liña de préstamos do Igape para favorecer o acceso ao crédito das empresas auxiliares do naval ponse en marcha despois das reunións mantidas tanto co Clúster do Naval Galego (Aclunaga) como coa Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime). Enmárcase no Plan de financiamento empresarial de Galicia para 2019, que conta cun orzamento de 100 millóns de euros, e que facilita financiamento a proxectos empresariais, coa previsión de mobilizar 290 millóns de euros a través de instrumentos financeiros.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments