Friday, 31 January 2020 13:31

A Xunta destina 18 M€ a préstamos directos para impulsar a creación, o crecemento e a innovación das empresas galegas

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a última convocatoria do programa, que financiará investimentos estratéxicos, en transporte de mercancías que utilicen combustibles alternativos e o desenvolvemento de proxectos e infraestruturas de uso compartido por parte de asociacións empresariais. Inclúe a nova liña de axudas destinada a apoiar as empresas auxiliares do sector naval, que ata agora leva aprobados 17 préstamos. Enmárcase dentro do Plan de financiamento empresarial de Galicia, que en 2020 achegará 103 M€ para facilitar o financiamento a 1900 proxectos que mobilizarán 300 M€.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2020.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de poñer en marcha a última convocatoria do programa de préstamos directos que, cunha dotación de 18 millóns de euros para 2020, facilitará acceso ao crédito ao tecido industrial e promoverá a creación, o incremento do tamaño das empresas e investimentos de todo tipo, especialmente en innovación.

Enmarcado no Plan de financiamento empresarial de Galicia do que se informou onte no Consello da Xunta, este programa xa activado o pasado ano a través do Igape inclúe a nova liña de préstamos destinada ás empresas auxiliares do sector naval, que achega apoios de entre 50.000 e un millón de euros e que dispón dun prazo de cinco anos de amortización. Previamente á convocatoria que se vén de publicar e para dar resposta ás necesidades urxentes dos provedores de bens e servizos de estaleiros que atravesan dificultades, púxose en funcionamento un primeiro paquete de axudas desta nova liña a finais de 2019, polo que xa se aprobaron 17 préstamos por importe de 9,5 millóns de euros.

Ademais dos apoios ás empresas auxiliares do sector naval a través deste programa de préstamos directos, a Administración galega financiará investimentos estratéxicos e en transporte de mercancías que utilicen combustibles alternativos, así como o desenvolvemento de proxectos e infraestruturas de uso compartido por parte de centros tecnolóxicos e asociacións empresariais, que se prevé que en conxunto mobilicen 30 millóns de euros. O prazo de solicitude das axudas estará aberto ata o 31 de decembro.

A iniciativa está incluída no Plan de financiamento empresarial de Galicia para 2020, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través dunha dotación orzamentaria de 103 millóns de euros, prevé impulsar 1900 proxectos de emprendedores, microempresas e pemes, contribuíndo a unha mobilización final de 300 millóns de euros.

Desde a posta en marcha hai cinco anos, este paquete integral de apoios facilitou o acceso ao financiamento de 12.499 empresas e autónomos, o que supón unha media diaria de máis de seis, e impulsou a mobilización de 1371 millóns de euros, preto de 250 millóns ao ano.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments