Tuesday, 19 March 2013 00:00

O Igape impulsa a cooperación para abrir mercados a empresas especializadas no equipamento de hoteis

O Instituto apoia a posta en marcha da plataforma Contract, con empresas de diferentes especialidades que presentan unha oferta integral para a dotación de establecementos hoteleiros, oficinas ou centros comerciais. Está integrada por media ducia de compañías que suman 500 empregos en Galicia. Os encargos internacionais completan o 60% dos pedidos desta agrupación de empresas de decoración, iluminación ou telecomunicación.

Santiago, 19 de marzo de 2013.-  O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe na presentación da Plataforma Contract, unha pioneira agrupación empresarial especializada no equipamento de espazos como hoteis, centros comerciais ou oficinas, que a cooperación constitúe un recurso fundamental para que as empresas avancen na súa internacionalización con máis rapidez e seguridade.
 
Aguilera sinalou que a nova plataforma é un bo exemplo a seguir para favorecer a internacionalización do tecido empresarial galego. Integrada por 6 empresas galegas de diferentes especialidades que suman 500 empregos en Galicia e máis de 70.000 metros cadrados de instalacións, a súa finalidade é colaborar na actividade comercial e avanzar así de forma máis eficaz na exportación cara a outros mercados. De feito, os encargos internacionais completan xa o 60% da carteira de pedidos destas empresas, figurando entre os países onde xa deselvolven ou negocian proxectos República Dominicana, Panamá, México, Arxelia e Qatar.
 
Na súa intervención, o director do Igape destacou o impulso da Xunta a proxectos conxuntos, a través do apoio á conformación de consorcios de exportación ou mediante programas como o Primex, que está a ter unha importancia crucial para acelerar a proxección exterior das empresas galegas.
 
A posta en marcha desta agrupación enmárcase no programa de cooperación transfroiteiriza ECICII, que lidera o Igape, e que propiciou diversos encontros sectoriais de empresas da canle contract, centrada na dotación e decoración de espazos de uso colectivo. O programa tamén inclúe a elaboración do Estudo estratéxico para a internacionalización das empresas da canle contract de Galicia e Norte de Portugal, ou a creación do Observatorio de internacionalización, instrumentos que, segundo lembrou Aguilera, están ao dispor de todas as empresas interesadas.
 
A clave da Plataforma Contract, na que se integran as empresas Alve Iluminación, Cristal Pontevedresa, Persiven Ibérica, Grupo Ramón García, Telecon Galicia e Tattoo Contract, radica nas sinerxias entre as compañías fundadoras, que cobren toda a cadea de valor da canle contract e que se comprometen a unha colaboración nas súas respectivas especialidades.  Así, a agrupación está preparada para dar cobertura integral a proxectos de decoración e equipamento de hoteis, restaurantes, cafeterías, discotecas, terrazas, centros xeriátricos, clínicas e centros de atención primaria, oficinas, tendas ou centros comerciais.
 
As áreas que cubre a plataforma son a iluminación, a cristalería, a carpintería metálica e de madeira, a industria de textis verticais e horizontais, as telecomunicacións e os proxectos e equipamento integral contract.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments