Tuesday, 09 April 2013 00:00

Economía e Industria salienta o interese das empresas galegas polo mercado do Reino Unido

O director do Igape, Javier Aguilera, participou na xornada sobre oportunidades de negocio co Reino Unido organizada en colaboración coa CEG. As exportacións a este país medraron nun 73% desde 2009, e máis de 400 empresas galegas exportaron en 2012 cara este mercado.

Santiago, 9 de abril de 2013.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, destacou hoxe o interese das empresas galegas polo mercado británico na inauguración da xornada sobre Oportunidades de Negocio co Reino Unido organizada en colaboración coa CEG.
 
Aguilera Navarro recordou que as exportacións galegas cara este país medraron nun 73% desde 2009, para o que as empresas contaron co apoio integral da Xunta de Galicia, que multiplicou por catro os recursos anuais que se viñan destinando con anterioridade para acelerar a internacionalización do tecido empresarial.
 
O director do Igape sinalou tamén que o Reino Unido ocupa o quinto lugar entre os destinos preferentes das exportacións galegas, e que en 2012 foron máis de 400 as empresas galegas que exportaron cara ese mercado. Tamén apuntou á alta participación nos puntos de encontro empresarial desenvolvidos tanto en Santiago como en Londres a través da Rede Pexga.
 
Entre as empresas que se están a interesar por ampliar a súa presenza no mercado británico están as de sectores como transformación e conservas de produtos do mar, confección e téxtil, madeira e moble, químico ou o de actividades relacionadas coa investigación e o desenvolvemento.
 
Na súa intervención, Aguilera Navarro remarcou tamén os distintos apoios que  presta o Igape ás empresas na súa saída ao exterior, desde a elaboración de diagnósticos previos para que cada compañía poida coñecer o seu potencial ata as axudas para facilitar a implantación comercial no exterior.
 
Neste sentido, Javier Aguilera sinalou que se están a reforzar programas como o ReExport, destinado a financiar custos das exportacións das empresas galegas, ou o Primex, centrado en favorecer as primeiras implantacións comerciais de empresas galegas no exterior. O director do Igape destacou tamén que se van intensificar os esforzos na captación de investimentos estranxeiros.
 
Na xornada, organizada pola CEG en colaboración co Igape, participou o embaixador de Reino Unido en España, Giles Paxman, e houbo relatorios especializados sobre as oportunidades para o desenvolvemento de negocios no Reino Unido e sobre os apoios e servizos a disposición das empresas galegas, especialmente a través da rede Pexga ou do Igape. O encontro acolleu igualmente intervencións de directivos de empresas que xa están a facer negocios no Reino Unido e que compartiron as súas experiencias cos empresarios asistentes.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments