Wednesday, 27 November 2013 18:50

O Igape salienta ante empresarios ourensáns a cooperación como clave para reactivar a economía

Nun encontro organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia e a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, o director do Igape, Javier Aguilera, subliña que é o momento de apostar por novos servizos e instrumentos para impulsar o tecido empresarial. Destaca a futura Lei do Emprendemento de Galicia, que outorgará máis e mellores facilidades e financiamento aos que se decidan a poñer en marcha unha empresa.

 

San Cibrao (Ourense), 26 de novembro de 2013.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, salientou hoxe nun encontro con empresarios en San Cibrao das Viñas que, no contexto do cambio do marco comunitario de apoio, é o momento de apostar pola cooperación e por novos servizos e instrumentos para as empresas para contribuír así á reactivación da economía.

Na reunión participaron tamén o presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, Javier Garrido, e o presidente da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao, José Elías Mera, entidades organizadas do acto, así como o director xeral do grupo Cuevas, Artur Yuste, e o presidente executivo do Grupo IZ, Francisco Izquierdo.

O director do Igape apuntou como claves do traballo da Xunta para a consolidación dun ecosistema competitivo a formación e especialización de recursos humanos, o emprendemento, a innovación ou a captación de investimentos, eixos para os que se precisa da colaboración activa do empresariado.

Entre os instrumentos que Economía e Industria pon a disposición dos emprendedores e empresarios da provincia, que contan cun marco de apoios de especial intensidade ao abeiro do plan Impulsa, Aguilera referiuse aos novos servizos e apoios que se habilitarán no marco da nova lei de Emprendemento de Galicia, que outorgará máis e mellores facilidades e financiamento aos que se decidan a poñer en marcha unha empresa.

Aguilera Navarro lembrou tamén que a Consellería de Economía e Industria impulsará a posta en marcha dun programa para a atracción e dinamización de investimentos que permitirá mobilizar, en 2014, arredor de 150 millóns de euros.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments