Wednesday, 27 November 2013 18:58

A Xunta achega un préstamo de 300.000 euros para apoiar o relanzamento da actividade da antiga factoría de Privilege

Os directores do Igape, Javier Aguilera, e de XesGalicia, Juan Cividanes, reuníronse cos representantes dos socios de Seaquarz para reiterar o compromiso do Goberno galego coa viabilidade futura da nova sociedade. Aguilera e Cividanes amosaron a súa confianza no futuro da nova compañía e avaliaron positivamente a posible incorporación dun socio industrial que permita retomar a actividade de xeito máis rápido e seguro.

 

Santiago, 27 de novembro de 2013.- Os directores do Igape, Javier Aguilera, e de Xesgalicia, reuníronse hoxe en Santiago cos representantes dos ex traballadores de Privilege, asociados agora en Seaquarz, para reiterarlles o compromiso da Xunta de Galicia para recuperar a actividade da planta de Narón.

Ao tempo que os socios traballadores achegan 260.000 euros como capital destinado a liquidez inicial, a Xunta expresa o seu apoio ao novo proxecto de Seaquarz mediante a concesión dun préstamo de 300.000 euros destinado á adecuación das instalacións para reemprender a actividade, á compra de materia prima e ao labor comercial de procura de novos contratos e clientes para a súa produción. O capital da compañía tamén sumará de xeito progresivo outros 390.000 euros mediante capitalización de salarios dos traballadores.

Os 39 ex traballadores de Privilege agora asociados en Seaquarz comprométense a desenvolver un plan de negocio que de entrada contempla tanto a busca de contratos e clientes como a posibilidade de alianza cun socio industrial que apoie o relanzamento da industria. Aguilera e Cividanes amosaron a súa confianza no futuro da nova compañía e avaliaron positivamente a posible incorporación dun aliado que permita retomar a actividade de xeito máis rápido e seguro.

A Xunta de Galicia realizará un seguimento periódico da evolución do plan de negocio, do labor comercial e dos contratos acadados para garantir a viabilidade de Seaquarz. O grao de desenvolvemento do plan de negocio será avaliado polos representantes da empresa e por Xesgalicia nos próximos meses, analizando a evolución de pedidos e as previsións de actividade futura.

Desde o primeiro momento, a Xunta de Galicia trasladou aos antigos traballadores de Privilege o compromiso firme de apoiar a recuperación da actividade da factoría naronesa, sempre que existisen garantías de viabilidade futura do proxecto. A través do Igape, o Goberno galego estivo desde o inicio apoiando e buscando posibilidades de futuro para a compañía xunto coa SAL promovida polos traballadores.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments