Actualidade

Cun orzamento de 1.125.000 euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a concesión de préstamos ás pequenas e medianas empresas. A nova liña de axudas duplica o límite das operacións financeiras, pasando de 0,5 a 1M, e amplía as finalidades ás que se pode destinar o apoio achegado, que cobre circulante, investimentos e avais técnicos. Enmárcase no Plan de financiamento que o Goberno galego vén de aprobar para apoiar este ano 800 proxectos de emprendedores e compañías en Galicia.

As iniciativas céntranse na transformación do sistema loxístico, a promoción dos sistemas produtivos 4.0 e o fortalecemento da transferencia tecnolóxica entre Galicia e o país luso. Cun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros, os tres plans de colaboración están cofinanciados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, entre outras entidades. 

O director do Igape, Juan Cividanes, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron a compañía Industrial Recense onde destacaron que os investimentos 4.0 reforzan o tecido empresarial galego. Cividanes resaltou o compromiso da empresa da construción na dixitalización dos procesos produtivos. Argerey incidiu na aposta pola capacidade innovadora e os investimentos en I+D+i da compañía.

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe en Santiago as instalacións do grupo Itelsis, onde salientou que as exportacións galegas medraron un 2,8% en febreiro respecto ao mesmo mes de 2018. Sinala a boa marcha das vendas ao exterior das empresas no sector TIC, que ascenderon un 79%.

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe na Cidade da Cultura no acto de constitución do Clúster da Función Loxística de Galicia. Esta nova agrupación empresarial nace da cooperación entre axentes e empresas destacadas na loxística galega e a Consellería de Economía, Emprego e Industria. A organización, o abastecemento e o transporte de mercancías representa o 3,9% do PIB galego e emprega a preto de 50.000 persoas na nosa Comunidade.