Actualidade

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, reforza, a través do Igape, as novas convocatorias para ofrecer apoio directo ao tecido empresarial galego para a súa expansión internacional. Os apoios dos dous programas, Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios, increméntanse un 23%, en 1,5 millóns de euros, para crecer en mercados xa consolidados, como Latinoamérica e Europa, e para impulsar as vendas galegas en Asia. As iniciativas desenvolven proxectos individuais e colectivos que reafirman a presenza e favorecen a introdución das pemes nos mercados exteriores. En 2017, as exportacións galegas marcaron un novo récord histórico ao superar por primeira vez os 21.000 millóns de euros e, nos primeiros dez meses do ano pasado, creceron un 8,6% con respecto ao mesmo período do exercicio anterior.

O director do Igape, Juan Cividanes, está a acompañar a Business Factory Auto (BFA) no encontro internacional Consumer Technology Association (CES) que se celebra ata o vindeiro venres, 11 de xaneiro, nas Vegas. É o evento anual no que se presentan as innovacións tecnolóxicas de próxima xeración e Galicia está presente con seis startups que forman parte da aceleradora. A feira é punto de encontro para máis de 4400 empresas da industria electrónica e 180.000 profesionais de ao redor de 155 países do mundo. A BFA, que celebra xa a súa terceira edición, acadou nas dúas convocatorias anteriores a creación de 22 novas empresas que levan xerado 150 postos de traballo e que facturan máis de 10 millóns de euros.

A principios de xaneiro publicarase a convocatoria da nova edición do Galicia Rural Emprende, coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende apoiar 70 iniciativas que facilitarán a creación de 200 empregos e unha mobilización de 8 millóns de euros. Este programa complementa o Galicia Emprende que, desde o ano 2010, facilitou a aprobación de 432 proxectos emprendedores. 

O director do Igape, Juan Cividanes, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, presentaron hoxe en Santiago os resultados das exportacións galegas de xaneiro a outubro en todos os sectores de actividade, que medraron máis do dobre que a nivel estatal e xa superan os 19.300M€. Lema resaltou o bo ritmo das vendas ao exterior no sector forestal e da madeira, que se incrementaron nun 12,5% no mes de outubro. A industria forestal acadou nos dez primeiros meses de 2018 un volume de vendas de 771,7M€, que a falta de coñecer os datos dos dous últimos meses do ano é un valor moi próximo aos 800M€ que exportou en todo o 2017. Desde xaneiro ata outubro de 2018, un total de 6.482 compañías galegas venderon os seus produtos no exterior, o que supón un incremento do 8% con respecto ao mesmo período de 2017. Cividanes subliñou o compromiso da Xunta con programas como o Galicia Exporta e o Foexga que impulsarán con 11,6 millóns de euros a internacionalización das empresas galegas nos próximos dous anos.

O director do Igape, Juan Cividanes, sinalou hoxe na segunda edición do Galicia Global que o tecido empresarial galego debe afrontar o novo escenario como unha oportunidade. Subliña que a alta calidade dos servizos e produtos galegos é clave para manter o bo ritmo exportador con Reino Unido. A Administración autonómica destina 11,6 millóns de euros a través dos programas Galicia Exporta e Foexga para avanzar na proxección internacional do tecido empresarial galego.