Actualidade

Medio cento de empresas galegas participaron no punto de encontro coa plataforma Pexga de Francia, que se desenvolveu esta semana en Santiago de Compostela. Sete destas empresas participaron ademais nun encontro de traballo coa directora da plataforma, Belén García, para estudar posibles alianzas e vías de colaboración entre elas nese mercado. Desde a súa apertura no pasado mes de outubro, a plataforma empresarial de Francia prestou servizos a preto de cen empresas.

O novo programa do Igape permitirá a realización de máis de 2.200 diagnósticos e servizos de alto valor engadido, cun orzamento de 5 millóns de euros en dous anos. O conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Javier Guerra, destaca que este Plan Re-Acciona é unha proposta que ?responde á reorientación do Igape como un Instituto centrado na prestación de servizos de alta calidade?. As liñas de axudas do Igape destinaron máis de 73 millóns de euros a mellorar a competitividade e a internacionalización en preto de 5.600 proxectos empresariais, durante a lexislatura.

O Plan Revive da Xunta facilitará asesoramento directo a través de oficinas de apoio a empresas localizadas en Corcubión, Carballo e Baio. O conselleiro de Economía e Industria destaca que os emprendedores e as novas empresas poderán contar con subvencións mínimas garantidas do 25% para impulsar os seus investimentos nesta zona. Guerra salientou que, cos apoios concedidos a través do Igape, lévanse mobilizado investimentos empresariais que roldan os 70 millóns de euros.

O obxectivo das bases de axudas que veñen de aprobarse é facilitar a internacionalización das empresas galegas sen presenza no exterior e apoiar ás compañías internacionalizadas para que melloren a súa posición nos mercados estranxeiros. O programa de axudas para facilitar a contratación de xestores de exportación case duplica a dotación do pasado ano, co obxectivo de duplicar tamén a incorporación destes profesionais especializados ás empresas galegas.

O director xeral do Instituto, Javier Aguilera, amosouse convencido de que diagnósticos serán un instrumento fundamental para acadar a modernización do tecido empresarial galego. Con este programa desenvolverase un traballo individualizado con cada empresa para avanzar nas propostas de accións de mellora. A esta experiencia piloto seguirá unha ampliación da oferta de diagnósticos facéndoa extensiva a todas as empresas interesadas.