Actualidade

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, recibiu aos presidentes da CEG, do Consello Galego de Cámaras e aos representantes sindicais na Mesa do Diálogo Social. Salientou que o Instituto que preside e agora dirixe está a funcionar con total normalidade para procurar facilitar servizos e apoios aos empresarios e aos emprendedores que os soliciten. Guerra amosouse convencido de que contará coa colaboración das forzas sociais para impulsar a "un tecido produtivo que precisa do Igape para que as empresas poidan manter a súa actividade, realizar investimentos, mellorar a súa competitividade ou avanzar na súa internacionalización".

A póliza contratada polo Igape con Cesce servirá para asegurar inicialmente exportacións por importe de 500.000 euros, cubrindo operacións tipo comprendidas entre 6.000 e 25.000 euros. Segundo explicou o director do Igape, Joaquín Varela, o obxectivo é "dinamizar e asegurar as primeiras exportacións das pequenas empresas galegas, procurando que non teñan que asumir riscos nin custos previos de pólizas propias gravosas". Avanzar na internacionalización das empresas galegas e, como consecuencia, incrementar as exportacións de Galicia, "é fundamental para consolidar a recuperación da nosa economía", salientou.

O re-Brote está orientado a aumentar as respostas positivas das entidades financeiras ás empresas galegas con proxectos viables. O presidente do Igape, Javier Guerra destaca que a Xunta incorpora na convocatoria deste ano un maior compromiso público nos avais deste programa, ao elevar até en 10 puntos porcentuais a cobertura e a posibilidade de ampliar o prazo de vixencia. O conselleiro sinala que "a actividade empresarial é unha das bazas máis potentes para reactivar a economía galega".

O orzamento da Xunta -preto dun millón de euros- no proxecto Bioemprende ten acadado resultados empresariais moi positivos no eido da I+D+i, segundo salientou o director xeral do Igape, Joaquín Varela. A organización de mesas sectoriais transfronteirizas permitiu detectar máis de 70 ideas de negocio biotecnolóxicas e elaborar unha colección de guías de oportunidades por sectores. Xeráronse plans de negocio viables, creáronse 4 empresas biotecnolóxicas, e polo menos outros 4 proxectos poranse en marcha ao longo deste ano.

A Consellería de Economía e Industria inviste, a través do Igape, 1,6 millóns de euros neste programa. Javier Guerra destacou que se "primará a colaboración empresarial e serán os organismos intermedios, que poden ofrecer este servizo a un colectivo de empresas, os que poderán acceder a maiores axudas e durante máis tempo". Con esta edición, o Igape da outro paso adiante para facilitar a inserción laboral dos especialistas neste eido, incluíndo aos que teñen sido formados ao abeiro do seu programa de bolsas de promoción exterior.