Actualidade

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta iniciativa que permitirá a reorganización produtiva urxente das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria. O Goberno galego destina 2,5 millóns de euros para impulsar a produción na Comunidade de material sanitario, equipos de protección individual, probas de diagnose, ventiladores e desinfectantes, e os proxectos serán avaliados polo Comité de fabricación de equipamento sanitario. As axudas, de ata 100.000 euros, cubrirán o 75% dos investimentos e gastos que realicen as pemes para adaptar a súa produción.

Feijóo destaca que das 160 iniciativas innovadoras presentadas á chamada para producir material sanitario, preseleccionáronse 11 para, por exemplo: desenvolver láminas que poidan protexer diferentes superficies fronte ao virus; novos sistemas para respiradores ou sistemas de detección rápida do virus. O titular da Xunta resalta tamén a activación dun novo programa para impulsar a reorganización produtiva urxente das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica esta iniciativa que permitirá avalar a cada negocio ata 200.000 euros para atender as necesidades máis inmediatas, como pago de salarios, alugueiros ou impostos. A Administración autonómica destina 30 millóns de euros ao programa, que permitirá mobilizar 250 millóns entre o tecido empresarial galego para paliar os efectos do coronavirus.

Os interesados poden darse de alta a través da app Gohu e recibir, de xeito gratuíto, toda a información no seu móbil.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse onte, por videoconferencia, con diferentes entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca galegas. Na xuntanza abordaron polo miúdo as medidas de financiamento que o Goberno galego vai activar para inxectar de inmediato liquidez ao tecido empresarial. Esta liña de préstamos permitirá mobilizar no tecido empresarial galego 250 millóns de euros para que as pemes e autónomos poidan cubrir gastos. Outra das iniciativas de apoio que se activa é o aprazamento das cotas de amortización e xuros da liquidación dos préstamos formalizados coa Xunta de Galicia. A través de Xesgalicia, a Xunta engade, tamén, unha terceira liña de 10 millóns de euros para cubrir as necesidades de reestruturación produtiva das empresas galegas que decidan acometer a fabricación de material sanitario necesario para facer fronte ao coronavirus. Ademais, ata o venres 27, os axentes do ecosistema galego de innovación que teñan algunha proposta ou proxecto que poida contribuír á loita contra o COVID-19 poderán presentala á Consellería de Economía, Emprego e Industria a través de Gain. No marco da rolda de contactos que a Xunta vén mantendo estes días cos axentes económicos e sociais galegos, Conde tamén celebrou hoxe unha xuntanza por videoconferencia con representantes da industria forestal.