Actualidade

A cuarta edición do coworking, que vén de comezar en Mondoñedo, acelerará iniciativas de sectores moi diversos, que inclúen proxectos vinculados aos sectores industrial, agroalimentario, téxtil e dos servizos. Durante as últimas tres edicións realizadas nesta localidade foron apoiadas 60 novas empresas. Estes días veñen de iniciarse tamén as actividades nos espazos de Santiago, Ferrolterra, Celanova e Terras da Limia, Costa da Morte e Ribeira Sacra que suman, xunto co da Mariña Lucense,130 proxectos empresariais.

A Administración autonómica participa con once compañías do sector na Feira Expo Antad & Alimentaria que se celebra a vindeira semana en Guadalaxara, na que Galicia contará cun pavillón. O obxectivo é dar continuidade ao esforzo realizado polo Goberno galego na misión comercial que levou a cabo a México o ano pasado para consolidar o posicionamento do tecido empresarial galego neste destino. A misión conxunta está financiada ao 90% polo Plan de fomento das exportacións galegas (Foexga) que desenvolve o Igape. As vendas ao exterior galegas sumaron o ano pasado 22.857 millóns de euros, cunha suba do 5,4% con respecto ao ano anterior, batendo un novo récord de exportacións.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, acompaña a unha delegación formada por pemes, clusters e centros tecnolóxicos. Na visita, que dá continuidade ás dúas realizadas o ano pasado, participan compañías de automoción, das TIC ou as enerxías renovables, entre outros sectores. As vendas ao exterior galegas a Israel acadaron en 2018 os 79,3 millóns de euros, e exportan ao país unha media de 120 empresas ao ano. Galicia bateu en 2018 un novo récord de exportacións, cunha suba do 5,4%, e superando por primeira vez os 22.000 millóns de euros.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, xunto coa secretaria de Estado para o Comercio, Xiana Méndez, inaugurou hoxe en Santiago a xornada ‘Galicia ante o Brexit: perspectivas, retos e oportunidades para as empresas galegas’. Sinala que a Administración autonómica vixía con cautela os posibles efectos do Brexit sobre a economía galega para previr posibles efectos co obxectivo de que a internacionalización do tecido empresarial continúe crecendo como ata o de agora. As exportacións galegas ao Reino Unido aumentaron entre xaneiro e novembro do ano pasado nun 16,1%. Outras das iniciativas da Xunta en materia de internacionalización son os programas Galicia Exporta e Foexga que este ano suporán un investimento de 11,6M€ para beneficiar a preto de 1000 empresas.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e representantes do Igape expuxeron en Santiago os novos programas de apoio ao sector de aloxamento recollidos no Plan MAT de mellora dos establecementos de cara ao Ano Santo. Durante a xornada, os profesionais coñeceron as dúas primeiras liñas de axuda desta iniciativa na que participan cinco departamentos do Goberno autonómico. A Consellería de Economía, Emprego e Industria activa o Reforma TUR 2019, que contará cun investimento de 3 millóns de euros e unha mobilización estimada de máis de 24 para axudar á reforma das instalacións turísticas da Comunidade. Pola súa banda, o departamento de Cultura e Turismo subvenciona actuacións de accesibilidade, modernización, incremento da categoría, mellora de servizos ou aforro enerxético, entre outros, cun investimento de 1 millón de euros.