The deadline for submission is 30/12/2019

IG253 - AXUDAS AOS PROXECTOS DE INVESTIMENTO EMPRESARIAL (2019)

Purpose / Objective

Estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma e potenciar o mantemento e creación de emprego, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes, así como coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Types of support

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.

Potential beneficiaries

1. As pequenas e medianas empresas (pemes), calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia para desenvolver algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases.

b) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Sectors eligible for subsidy

1. Serán subvencionables os investimentos realizados para o desenvolvemento de actividades relacionadas no anexo II destas bases, excluíndose as seguintes:

a) As recollidas no ámbito de aplicación do Regulamento polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

b) As actividades de produción e comercialización dos produtos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea e as actividades de transformación de productos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea en productos agrícolas enumerados no dito anexo I.

c) As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, do sector da construción naval, do sector das fibras sintéticas, do sector do transporte, así como as infraestruturas conexas e a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

2. Nas actividades de prestación de servizos en que así se prevexa no anexo II destas bases, deberase acreditar que máis do 50% da súa cifra neta de negocios, no exercicio anterior ao da solicitude, foi facturado a empresas industriais.

3. No sector da hostaleira só serán subvencionables:

- Os novos establecementos coas seguintes categorías mínimas: hoteis de catro estrelas, cando os novos establecementos estean ubicados nos termos municipais de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago ou Ferrol, e hoteis de tres estrelas no resto de localizacións.

- En establecementos hoteleiros xa existentes, os investimentos necesarios para incrementar a categoría ata acadar, como mínimo, as indicadas no parágrafo anterior.

4. Serán subvencionables, así mesmo, os proxectos de carácter innovador levados a cabo por pemes que desenvolvan calquera actividade, excepto as relacionadas nas letras a), b) e c) do apartado 1. do presente artigo. A estes efectos, para que a actividade poida considerarse subvencionable, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Innovación (Gain) que acredite o carácter innovador do proxecto. No caso de que a actividade se considere subvencionable de acordo co establecido nos apartados 1, 2 e 3 anteriores, o informe da Axencia Galega de Innovación non será preceptivo.

Main project requirements

1. Serán subvencionables os proxectos de investimento en activos fixos que respondan a algunha das seguintes tipoloxías:

1.1. Creación dun novo establecemento.

1.2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.

1.3. Diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían no mesmo.

1.4. Transformación fundamental do proceso global de produción dun establecemento existente. Estes proxectos suporán a implementación dunha innovación no proceso global de produción que impliquen o uso por primeira vez de métodos de organización que inclúan melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo, dos sistemas de produción ou a integración de áreas funcionais da empresa.

2. Dimensión do proxecto de investimento:

O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 50.000 euros e non superior a 2.000.000 euros, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.

No caso dos proxectos do apartado 1.3. anterior, o investimento subvencionable deberá, ademais, superar o 200% do valor neto contable dos activos que se reutilizan, de acordo cos rexistros do balance de situación ao fin do exercicio económico anterior ao comezo do proxecto.

Required qualifications do proxecto

Condicións dos proxectos:

1. Naqueles casos de subvención ás construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a base sobre a que se aplicará a subvención será a que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos, unha vez aplicados os módulos e criterios recollidos no Anexo III, e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen sexan propiedade do solicitante ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente. Se dentro do prazo de execución do proxecto, ou do de mantemento dos investimentos, establecidos na resolución de concesión fosen alleadas as instalacións da antiga localización do solicitante, e o importe neto da venda resultase superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos do cálculo da subvención, reaxustarase o importe da subvención concedida.

2. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só o emprendería dunha maneira limitada ou diferente ou noutro lugar. A axuda non debe subvencionar os custos dunha actividade nos que a empresa incorrería en calquera caso, nin debe compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica.

Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa esixencia de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución de obras ou un pedido ou oferta aceptada dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda.

A estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

3. O prazo de execución do proxecto será o establecido na resolución de concesión, que estará baseado no proposto polo solicitante no plan de investimentos e, en todo caso, comprendido entre o día seguinte ao da presentación da solicitude e os 12 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión, sen que poida exceder o prazo máximo de execución establecido na resolución de convocatoria.

4. Consideraranse investimentos subvencionables os realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto referido no apartado anterior.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público, (importe igual ou superior a 15.000 euros no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 euros no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores independentes (do solicitante e entre si) con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

As ofertas ou orzamentos de provedores deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, domicilio e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando si inclúe ou non o IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados (podendo incorporar anexos coa documentación comercial dos elementos ou as súas especificacións técnicas). No caso de que non se elixa a proposta máis económica deberá xustificarse expresamente nunha memoria que, a lo menos, terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos, excepto os correspondentes ás actividades que tradicionalmente se viñan prestando por empresas privadas, a risco e ventura destas e cuxos clientes son tamén empresas privadas.

Investments or eligible costs

1. Serán subvencionables os investimentos que se materialicen nos seguintes conceptos:

1º Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, levadas a cabo en terreos propiedade do solicitante, ou sobre os que o solicitante teña un dereito de superficie ou unha concesión administrativa -outorgados por entidades non vinculadas ao solicitante- cunha vixencia mínima de 5 anos, a contar desde a data de finalización do proxecto. Estes conceptos estarán suxeitos aos límites máximos de custo subvencionable establecidos nos módulos recollidos no anexo III.

2º Adquisición de edificacións ou construcións. Unicamente admitirase que o terreo non sexa propiedade do solicitante cando exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa -outorgados por entidades non vinculadas ao solicitante- cunha vixencia mínima de 5 anos, a contar desde a data de finalización do proxecto sempre que o solicitante pase a ser titular dos ditos dereitos. A adquisición será por un importe que non exceda do 10% do gasto total subvencionable.

No caso de adquisición de edificacións ou construcións usadas, estas deberán cumprir os seguintes requisitos:
1) Que os bens non foran obxecto de ningunha subvención autonómica, nacional ou comunitaria.
2) O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo de bens novos similares.

3º Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.

4º Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

5º Activos intanxibles relacionados directamente co proceso produtivo (ou co de prestación de servizos, se é o caso) que cumpran os seguintes requisitos:
1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda;
2) deben ter a consideración de activos amortizables;
3) deberán ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado, e
4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

6º Os custos de reformas de instalacións levadas a cabo en bens inmobles arrendados suxeitos aos límites máximos de custo subvencionable establecidos nos módulos recollidos no anexo III e por un importe que non exceda do 50% do gasto total subvencionable. O arrendamento deberá ter unha vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de finalización do proxecto.

7º No caso de implantacións nos concellos adheridos ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa Concellos Doing Business Galicia, serán subvencionables, ademais, os investimentos en terreos non edificados e terreos edificados ata o límite do 10% do gasto total subvencionable.

2. Os activos adquiridos deberán ser novos, excepto no caso previsto no punto 2º do apartado 1 anterior.

3. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade polo beneficiario, admitíndose expresamente a estes efectos a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou reformas de instalacións en inmobles alugados previstas nos puntos 1º e 6º do apartado 1 anterior. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

4. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos de administración, directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

5. Quedan excluídos os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada ou polo seu incremento de rendemento manifesto.

Amount of aid

A contía da axuda será o resultado de multiplicar a porcentaxe de subvención aprobada polo importe do investimento subvencionable.

A porcentaxe de subvención aprobada será a suma das porcentaxes obtidas na baremación dos seguintes criterios:

1. Tamaño da empresa:

24% pequenas empresas
15 % medianas empresas

2. Mantemento do emprego no caso da comunidade autónoma de Galicia: determinarase en base á cifra media de emprego dos 3 meses anteriores á solicitude da axuda, ou dos 12 meses anteriores no caso de actividades que acrediten unha elevada estacionalidade.

Concederase un 3% por mantemento de emprego no caso de pequenas e medianas empresas.

3. Creación de emprego estable na comundade autónoma de Galicia: en base ao compromiso de creación neta de postos de traballo con carácter indefinido durante o prazo de execución do proxecto.

a) Concederanse:

- 2% pola creación de cada posto de traballo no caso de microempresas (3% no caso de persoas discapacitadas) cun máximo de 3%

- 1% pola creación de cada posto de traballo no caso de pequenas empresas (2% no caso de persoas discapacitadas), cun máximo de 3%

- 0,5% pola creación de cada posto de traballo no caso de medianas empresas (1% no caso de persoas discapacitadas), cun máximo de 2%.

Consideraranse persoas discapacitadas as que acrediten un grado de discapacidade igual ou superior ao 33% recoñecida polo órgano competente.

b) No caso de novos establecementos nos que non exista emprego que manter e, por tanto, a puntuación do criterio 2 anterior sería igual a cero, os límites máximos de puntuación no presente criterio de creación de emprego serán de 6% no caso das pequenas empresas e 5% no caso das medianas empresas.

Aos efectos de mantemento e creación de emprego, computarase como 1 posto de traballo os derivados de contratos a tempo completo e como 0,5 postos de traballo os derivados de contratos a tempo parcial.

En todo caso, a intensidade máxima de axuda será do 30% no caso das pequenas empresas e 20% no caso das medianas empresas.

Deadline for submitting applications

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 30 de decembro de 2019.

Incompatibility

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 8 destas bases. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do mencionado Regulamento (UE) 1303/2013, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e de outros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pago correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pago dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a prorrata, conforme ao documento no que se establezan as condicións da axuda.

Legislative Reference

Resolución do 19 de decembro de 2018 (DOG Nº do 18/01/2019) - Bases reguladoras e convocatoria 2019

Information and processing in

1. Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE solicitando cita previa en http://citaprevia.igape.es/
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es


2. Forma e lugar de presentación das solicitudes:
Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante, e do proxecto para o que solicitan a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I). Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.


3. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación do expediente administrativo:

1º Certificado de situación censual expedido pola AEAT.
No caso de novos establecementos ou novas actividades subvencionables, compromiso de alta no IAE durante o período de execución do proxecto.

2º Para sociedades xa constituídas:

- Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores. No caso de agrupacións referiranse ao representante ou apoderado único da agrupación.

- Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente. No caso de agrupacións referirase ao representante ou apoderado único da agrupación.

- No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a entidade estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Achegaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta aos efectos de determinar a consideración ou non de peme da entidade solicitante.

3º No caso de autónomos, declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas referido ao último período impositivo para o que estivera vencido o prazo para a súa presentación voluntaria.

4º Para sociedades en constitución:

- Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.

- Proxecto de estatutos da sociedade.

Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. A tal fin, a documentación establecida nos dous primeiros puntos do apartado 2º anterior, deberá ser presentada no Igape no prazo máximo de tres meses dende a presentación da instancia de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen tela presentada ou se a documentación presentada fose incorrecta, e previo requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.

5º Memoria descritiva do investimento proxectado, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.

No caso dos proxectos de carácter innovador que deban ser avaliados pola Axencia Galega de Innovación, a memoria deberá conter unha descrición dos aspectos indicados no artigo 9.3.

6º No caso de actividades de prestación de servizos para as que así se prevexa no anexo II destas bases, declaración responsable da facturación realizada, no exercicio inmediatamente anterior ao da solicitude, a empresas industriais con indicación, para cada entidade cliente, do NIF, razón social, importe facturado sen IVE, e importe facturado con IVE, e incluíndo unha liña final de suma dos importes facturados sen IVE e con IVE.

7º No caso de actividade hostaleira, resolución da Axencia Galega de Turismo, ou entidade equivalente, respecto da categoría do establecemento na data de solicitude da axuda.

8º No caso de investimentos de diversificación da produción en establecementos existentes, deberán achegar o inventario de inmobilizado que serviu de base para a formulación das contas anuais correspondentes ao último exercicio económico pechado con indicación, para cada elemento do inventario, da data de adquisición ou incorporación, valor ou coste de adquisición, importe da amortización acumulada á data do inventario e, no seu caso, doutras depreciacións por perda de valor, e o valor neto contable á data do inventario. Deberanse indicar os activos que se pretende reutilizar. Deberá achegarse un informe dun experto independente colexiado que identifique os activos do inventario que se pretende reutilizar.

b) Documentación relativa aos investimentos:

1º As tres ofertas que deba ter solicitado o solicitante, de acordo co establecido no artigo 7.5. destas bases reguladoras.

2º No caso de investimentos en obra civil deberán achegar os seguintes planos:
i) Esbozo de localización dentro do termo municipal.
ii) Plano xeral acoutado das instalacións, diferenciando a situación inicial da posterior ao investimento.
iii) Planos de distribución en planta, nos que se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipo.

3º No caso de adquisición de edificacións ou construcións usadas deberán achegar:
i) Declaración do vendedor sobre que a edificación ou construción non foi obxecto de ningún tipo de subvención autonómica, nacional ou comunitaria.
ii) Taxación de experto independente que certifique o valor de mercado dos bens a adquirir e que este é inferior ao custo de bens novos similares.

4º No caso de reforma en inmobles arrendados, ademais da documentación do apartado 2º anterior, o solicitante deberá presentar contrato de arrendamento do inmoble cunha duración mínima de 5 anos a contar desde a data de finalización do proxecto.

5º No caso de adquisición de terreos non edificados, edificacións ou construcións, deberá achegarse taxación de experto independente que certifique o valor de mercado dos bens a adquirir.

c) Documentación relativa aos criterios baremables de mantemento e creación de emprego:

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta do informe de vida laboral, deberán achegar:

1º Informes de vida laboral dos 3 meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda de todos os centros de traballo da empresa en Galicia.

2º No caso de actividades que acrediten unha elevada estacionalidade, poderán solicitar que a base de cálculo, para o mantemento e/ou creación de emprego, sexa a cifra media de emprego do beneficiario dos 12 meses anteriores ao da presentación da solicitude. Neste caso, o solicitante deberá presentar o informe da Tesourería Xeral da Seguridade Social do cadro de persoal media, por meses, dos 24 meses anteriores ao da presentación da solicitude de todas as contas de cotización da empresa en Galicia.

Entenderase que existe estacionalidade cando a media do cadro de persoal mostre un incremento igual ou superior ao 20% durante, polo menos, dous meses ao ano.

3º Certificado de estar ao corrente nas obrigas da Seguridade Social.

Observations

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses dende a presentación de solicitude de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de setembro de 2021.

O prazo para presentar a solicitude de cobramento será dun mes desde a finalización do prazo de execución fixado na resolución de concesión, cos seguintes límites:

- Para aqueles proxectos cuxo prazo de execución remate entre o 10 e o 30 de setembro de 2019, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 10 de outubro de 2019.

- Para aqueles proxectos cuxo prazo de execución remate entre o 10 e o 30 de setembro de 2020, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 13 de outubro de 2020.

- Para aqueles proxectos cuxo prazo de execución remate entre o 10 e o 30 de setembro de 2021, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de outubro de 2021.