Máis de 300 empresas participarán no Encontro internacional de Empresarios Galegos en Rede PDF
O evento anunciado na primavera pasada en Uruguai polo conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, desenvolverase entre o 21 e o 25 de xaneiro no Pazo de Congresos de Santiago, organizado polo Igape. Ten como obxectivos facilitar a cooperación entre os empresarios galegos, promover a identificación e posta en marcha de novos proxectos e impulsar a Rede virtual de empresarios e profesionais de orixe galega. Participarán as Asociacións de empresarios galegos de Arxentina, Brasil, México, Uruguai, Venezuela, República Dominicana, Portugal, Cataluña e Madrid.
 
Santiago, 19 de xaneiro de 2008.- O Encontro internacional de Empresarios Galegos en Rede, que se desenvolverá no Pazo de Congresos de Santiago do 21 ao 25 deste mes, reunirá a máis de 300 empresarios de orixe galega. A iniciativa é o resultado do compromiso adquirido  polo conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, tras reunirse con empresarios galegos radicados en Arxentina e Uruguai en Montevideo a primaveira pasada. Organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o evento enmárcase nunha das liñas estratéxicas da política económica do Goberno galego orientada a impulsar á internacionalización das empresas galegas; a fomentar o emprendemento e a captación de investimentos; e a apoiar á innovación empresarial a través da cooperación entre o empresariado galego e o importante colectivo empresarial de orixe galega asentado no exterior. O fin último desta estratexia é o de aproveitar o importante activo diferencial que representan os empresarios de orixa galega para potenciar as redes de cooperación empresarial como vía para abordar os procesos de innovación e internacionalización das empresas.
 
No encontro desenvolverase un amplo programa no que se combinan relatorios especializados, reunións e encontros empresariais bilaterais e visitas sectoriais a diferentes empresas de toda Galicia. As presentacións e debates focalizaranse  fundamentalmente en torno aos sectores da pesca, a agricultura, a alimentación, o forestal, as enerxías renovables, a construción, o turismo, o audiovisual e as novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), porque se considera que son os que ofrecen maiores posibilidades de cooperación ao colectivo empresarial.
 
No evento participarán máis dun cento de empresarios asentados fóra de Galicia que acuden na procura de ampliar ou abrir novos negocios ou acordos de cooperación. En conxunto hai representación empresarial galega procedente dunha ducia de países. Os empresarios participantes poderán expoñer os seus modelos e liñas de negocio e presentar iniciativas emprendedoras de distinta índole, así como buscar alianzas estratéxicas ou intercambiar experiencias de traballo. Os sectores con maior representación serán o agroalimentario, consultoría, audiovisual e construción.
 
Como organismo da Consellería de Economía e Facenda especializado na promoción da actividade empresarial a través do fomento dos investimentos, o emprendemento, a cooperación e a internacionalización, o Igape impulsa e organiza o desenvolvemento deste encontro como un fito importante para a dinamización da rede internacional de empresarios galegos que a Xunta de Galicia quere convertir nun lobby eficiente e influínte. Neste caso, o Instituto conta coa colaboración da Fundación Galicia Emigración, da Confederación de Empresarios de Galicia, do Consello Galego de Cámaras de Comercio e asociacións de empresarios galegos no exterior. En concreto, participan neste encontro os presidentes  das asociacións de empresarios galegos en Arxentina, Brasil, Cataluña, Madrid, México, Portugal, República Dominicana, Uruguai e Venezuela. As delegacións de fora de España con máis empresarios son as de Arxentina, Brasil, México e Uruguai.
 
A celebración deste encontro empresarial reforza a estratexia do Igape para promover a cooperación entre empresarios afincados en Galicia e os empresarios de orixe galega no exterior que iniciara o Instituto coa creación da Rede Mundial de Empresarios e Profesionais de Orixe Galega (www.rede.galiciaexterior.es). Esta plataforma telemática é xa un punto de encontro importante para que os empresarios e profesionais galegos poidan establer relacións económicas e de colaboración con outros de orixe galega asentados en calquera canto do mundo.
 
Acto inaugural
A primeira xornada, a do luns 21 de xaneiro, comezará co acto inaugural, no que intervirán o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio. Participarán tamén o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e o presidente do Consello Galego de Cámaras de Comercio. Seguidamente, o director xeral do Igape, Álvaro Álvarez-Blázquez, exporá os obxectivos do encontro e da rede e dará paso á quenda de exposicións orais previstas, as dos distintos representantes das asociacións de empresarios galegos no exterior, tanto doutras comunidades españolas  como do estranxeiro.
  
  

 

 

 

Última actualización ( 25/01/2008 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design