| O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, inaugurou o Encontro de Empresarios Galegos en Rede |
|
Pérez Touriño remarcou que o Goberno galego está a facer un importante esforzo por fomentar a internacionalización da economía, apostando pola mellora do capital humano, o capital tecnolóxico e a mellora das infraestruturas produtivas. O titular do Goberno galego destacou o potencial da rede de empresarios galegos que está a impulsar o Igape no acto inaugural do Encontro, no que tamén participou o Conselleiro de Economía e presidente do Instituto, José Ramón Fernández Antonio.Santiago, 21 de xaneiro de 2008.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou hoxe que Galicia conta con dous vectores moi relevantes para garantir unha posición internacionalizada da súa economía: a rede de empresarios galegos no mundo, unha rede activa, potente e dinámica espallada ao longo e ancho da xeografía; e a súa situación xeoestratéxica, como ponte e plataforma de relación entre ambos os dous lados do Atlántico. Por iso animou aos empresarios galegos a aproveitar e extraer o maior rendemento da perspectiva xeral da comunidade para avanzar na gran travesía de internacionalización das nosas empresas e compartir co Goberno galego esta alentadora etapa de colaboración entre empresarios e profesionais de orixe galega e este novo tempo de apoio mutuo, de coñecemento compartido e de puxanza sen barreiras xeográficas.
Na súa intervención durante o acto de inauguración do Encontro de Empresarios Galegos en Rede, que se celebra desde hoxe en Santiago de Compostela, o máximo mandatario autonómico lembrou que desde o Goberno galego se está a realizar un grande esforzo por fomentar a internacionalización da economía da comunidade, apostando por tres elementos fundamentais: a mellora do capital humano, a aposta polo capital tecnolóxico, e a mellora das infraestruturas produtivas, tanto no que ten que ver coas infraestruturas clásicas de transporte e comunicación como as novas tecnoloxías ou a propia creación de solo industrial.
Fomento do asociacionismo no exteriorNa mesma liña, Emilio Pérez Touriño insistiu na aposta que está a realizar o Goberno galego por fomentar o asociacionismo entre os empresarios no exterior. A este respecto indicou que o Igape está a activar unha serie de liñas de traballo que xa comezan a dar resultado, coa constitución, ao longo do último semestre, de tres asociacións de empresarios galegos no exterior, concretamente a de Brasil, República Dominicana e México. Así mesmo avanzou novas incorporacións de asociacións empresariais do exterior, como a de Estados Unidos ou Panamá. Xunto con isto lembrou que se está a fomentar o coñecemento mutuo entre o empresariado, sen distinguir rexións, países nin continentes. Contamos coa multinacional de negocios máis potente e só nos falta sincronizar os movementos, aseverou Pérez Touriño indicando que a través da Rede Telemática e de futuras ferramentas como o Directorio de Empresarios Galegos no Exterior se impulsarán as condicións ideais para que os negocios e o emprendemento compartido, así como as alianzas profesionais, comerciais e tecnolóxicas estean no día a día das nosas empresas radicadas en Galicia e nas que tiveron que nacer lonxe da súa terra de orixe.
Pérez Touriño abondou ademais nas liñas de formación que se están a impulsar desde o Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, como as bolsas de formación e prácticas de comercio internacional en Galicia; as bolsas inversas coas que as novas xeracións da emigración poden pulsar a realidade empresarial de Galicia; e mesmo a recente convocatoria dos primeiros premios para impulsores de proxectos de cooperación entre os empresarios galegos de aquí e os do exterior.
Pola súa parte, o Conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio destacou os obxectivos fundamentais da rede de empresarios de orixe galega que está a impulsar o Igape e salientou a vontade de promover polo menos un encontro anual entre empresarios de Galicia e os empresarios galegos do exterior co fin de analizar posibilidades de negocio concretas a través de paneis sectorias, entrevistas individuais e visitas organizadas a empresas. |
|
| Última actualización ( 17/03/2009 ) |


Pérez Touriño remarcou que o Goberno galego está a facer un importante esforzo por fomentar a internacionalización da economía, apostando pola mellora do capital humano, o capital tecnolóxico e a mellora das infraestruturas produtivas. O titular do Goberno galego destacou o potencial da rede de empresarios galegos que está a impulsar o Igape no acto inaugural do Encontro, no que tamén participou o Conselleiro de Economía e presidente do Instituto, José Ramón Fernández Antonio.
Fomento do asociacionismo no exterior