| Entabán Biocombustibles recibe o apoio do Igape para investir 30 millóns de euros en Ferrolterra |
|
|
Logo da correspondente autorización aprobada hoxe polo Consello da Xunta, o Instituto poderá conceder unha subvención de 4,49 millóns de euros para apoiar o investimento previsto, que servirá para crear un mínimo de 19 empregos indefinidos e terá un importante efecto dinamizador sobre a economía da zona.
Santiago, 16 de noviembre de 2006.- O Consello da Xunta acordou autorizar ao Igape para proceder a concesión dunha subvención a fondo perdido cifrada en 4,49 millóns de euros e destinada a apoiar o proxecto de investimento promovido por Entabán Biocombustibles de Galicia, S.A. O investimento promovido por esta sociedade, que prevé implantarse en Ferrol e crear un mínimo de 19 novos empregos de carácter indefinido, ascende a 29,93 millóns de euros. O proxecto terá un importante efecto dinamizador sobre a economía da zona, dado que para súa construción e para o continuo funcionamento da súa actividade necesitará de diversidade de empresas auxiliares e de servizos, provocando o xurdimento de novas iniciativas empresariais, así como o desenvolvemento e consolidación doutras xa existentes, coa conseguinte creación de novos postos de traballo. Ao abeiro das bases reguladoras das axudas para proxectos empresariais de investimento, a sociedade citada presentou unha solicitude de subvención para acometer a realización dun proxecto de investimento consistente no establecemento dunha planta de produción de biodiesel a partir de aceites vexetais. A sociedade Entabán Biocombustibles ten como obxecto social a importación, exportación, comercialización, reciclaxe, extracción, venda e distribución maior e menor de aceites minerais, vexetais e animais para a transformación e produción de biocombustibles, biodiésel e subprodutos deles como glicerina, produtos químicos, pensos e fertilizantes. De acordo coa normativa legal de aplicación, a aprobación do apoio previsto polo Igape require a autorización previa do Consello da Xunta, dado o carácter excepcional do proxecto e ao contemplar a concesión dunha subvención a fondo perdido que excede de tres millóns de euros. Primeira planta de biodiésel No sector de biocombustibles, Galicia conta cunha planta de produción de bioetanol no concello de Curtis, propiedade do grupo industrial Abengoa. A realización do proxecto de Entabán representa a creación da primeira gran planta de produción de biodiésel na Comunidade Autónoma e suporá a posibilidade de promover e potenciar un sector como o de produción de biocombustibles que, tendo en conta os obxetivos fixados pola Unión Europea, se pode convertir nun sector estratéxico para o desenvolvemento e consolidación do tecido indutrial galego, para reducir a dependencia enerxética do petróleo, para diminuir as emisións de gases efecto invernadoiro e, en definitiva, para contribuír á mellora económica e social de Galicia. Estímase que o transporte na Unión Europea é o responsable do 21% das emisións de gases de efecto invernadoiro que producen o quecemento global do planeta. Para cumprir cos obxectivos de redución desas emisións aprobados polo Protocolo de Kioto, é necesario buscar solucións e adoptar medidas para diminuir as emisións orixinadas polo transporte. Apoio da UE ao sector Por isto, a Unión Europea decidiu apoiar a utilización de biocarburantes que, ademais de favorecer a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, permitirá reducir a dependencia con respecto ao petróleo e ofrecerá a posibilidade de diversificar a actividade agrícola e o emprego no ámbito rural. A Comisión Europea insta aos Estados membros e ás súas rexións para que, cando preparen os seus marcos estratéxicos nacionais de referencia e os seus programas operativos, teñan en conta integramente as vantaxes potenciais dos biocarburantes. No ámbito español, o 26 de agosto de 2005 foi aprobado por acordo do Consello de Ministros o Plan de Enerxías Renovables para o período 2005-2010, no que se contempla como obxectivo para o ano 2010 que o consumo de biocombustibles represente o 5,83% do consumo total de carburantes para o sector trasporte. No mercado de biocombustibles español só se recoñecen legalmente como biocarburantes o bioetanol e o biodiésel. |
|
| Última actualización ( 07/03/2007 ) |


