Entabán Ecoenergéticas prevé que a planta de Ferrol funcione a pleno rendemento en marzo de 2008 PDF

O Igape apoia a primeira planta de biodiésel que se instalará en Galicia. O proxecto ven de presentarse en Ferrol, nun acto no que participaron o director do Instituto, José Antonio Delgado Arce, o conselleiro delegado da compañía, Juan José López Molina, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Amable Dopico.

 
 
Santiago, 29 de marzo de 2007.- Entabán Ecoenergéticas acaba de presentar o proxecto da súa planta de biocombustible en Ferrol, que se prevé que estea en pleno funcionamento en marzo de 2008. A inciativa, que conta cunha subvención de 4,49 millóns de euros concedida polo Igape, cubrirá case a terceira parte das necesidades de consumo deste carburante no mercado español, segundo aseguran dende a empresa, producindo cada ano unhas 200.000 toneladas de combustible.
 
En Alemania xa deron o paso e a partir do próximo 1 de xaneiro o gasoil deberá de levar unha mestura do 4,4% de biodiésel. En España non é obrigatorio empregar este tipo de carburante, pero dende algúns foros apúntase a que antes de 2008 se tomará a determinación de que os motores diesel se propulsen a partir dunha mestura que incorpore unha porcentaxe de combustible máis respetuoso co medio ambiente. Protexe esta expectativa o feito de que o Plan de Enerxías Renovables do Goberno central fixa para dentro de tres anos uns obxectivos de consumo de biocombustible no sector transporte próximos ao seis por cento. Para entón, boa parte dese combustible producirase na ría de Ferrol, nese balcón do Atlántico que é Cabo Prioriño, onde se instalará a planta promovida por Entabán Biocombustibles de Galicia, a primeira deste sector na nosa comunidade.
 
 A aposta desta empresa participada por Entabán Ecoenergéticas, unha firma con domicilio en Zaragoza pero que aspira a ter presenza nos catro puntos cardinais da xeografía española, ascende a máis de 47 millóns de euros, dos cales 4,49 apórtaos o Igape cunha subvención a fondo perdido. Toda unha declaración de apoio a un sector que non só pode converterse en estratéxico, senón tamén marcar unha liña de actuación de respecto polo medio e de cumprimento do Protocolo de Kyoto en canto a emisión de gases de efecto invernadero ou de seguemento das recomendacións da Comisión Europea sobre redución da dependencia enerxética do petróleo.
 
Entabán será ademais unha das primeiras firmas en instalarse no porto exterior de Ferrol. Alí ocupará máis de 30.000 metros cadrados de superficie. A obra civil do complexo estará rematada no mes de novembro e, a partir de aí, comezará unha fase de axustes técnicos e probas de produción que culminará en marzo de 2008, cando as instalacións estarán totalmente operativas, segundo explicou Juan José López Molina, conselleiro delegado de Entabán Biocombustibles de Galicia. A planta ferrolana xerará entre 30 e 35 empregos directos e ata 150 indirectos e producirá cada ano unhas 200.000 toneladas de combustible, tanto como outra que se abrirá case ao mesmo tempo en Bilbao. Outras dúas factorías, as de Sevilla e Huesca, están xa en funcionamento, son de menor tamaño e entre as dúas producirán menos da metade do combustible que en Cabo Prioriño. En total, estiman en Entabán que con este plan de desenvolvemento cubrirán en 2008 case a terceira parte das necesidades de consumo, para entón, do mercado español, convertíndose no líder de produción nacional de biodiésel. E buscan espazo para asentarse tamén á beira do Mediterráneo. Semella, pois, que o biodiésel é o combustible do futuro máis inmediato. “Non só polas vantaxes medioambientais -ilustra José Luís López, director de desenvolvemento de Entabán Ecoenergéticas- senón polas vantaxes técnicas que ofrece porque ao ter máis cantidade de osíxeno a combustión e a lubricación do motor é superior”.
  
A chegada a Ferrol de Entabán prodúcese tras un fallido aterraxe en Vilagarcía de Arousa. “Alí estaban sensibilizados pola contaminación xerada por uns tanques de gasoil que houbera anos atrás e malentedeuse o noso proxecto. Houbo un rexeitamento inicial ás consultas que comezamos a facer tanto co Concello como coa Autoridade Portuaria. Pero xurdiu Ferrol… e queriamos facer algo en Galicia”, apunta José Luís López. Tamén se cruzou o Igape nese camiño cara ao que agora empeza a ser unha realidade. “Acudimos ao Igape e ao Instituto Energético de Galicia (Inega) como calquera emprendedor que quere abrir unha empresa. Gustoulles o noso proxecto e apoiárono desde o principio”, recordan dende Entabán. Pero non era unha proposta ao uso. O elevado investimento económico e, xa que logo, a cuantía da subvención que aporta o Igape, requería o visto bó previo do Consello da Xunta, que o acaba de conceder.
  
Resta tan só a finalización das obras para que os barcos principien a arribar a Ferrol. Para Entabán, que os accesos ao porto exterior vaian a un ritmo máis lento é unha preocupación, pero menor. “Moveremos aos proveedores e a produción a través do tráfico marítimo”, explican. Chegarán barcos que sairán, sobre todo, de Latinoamérica con aceite procedente de plantacións de soja, xirasol ou colza que se descargarán mediante tubos e se almacenerá en tanques. Alí procesarase mediante un reactivo que separa a glicerina do aceite antes de engadirlle metanol ao oleaxinoso para acadar así o combustible. A glicerina a comercialízaa Entabán con firmas que logo destinarán a produtos cosméticos; o carburante, mesturado, poderémolo incorporar aos nosos coches, que non necesitarían ningunha modificación para toleralo “e serían menos contaminantes”, apunta José Luís López. E cada vez haberá máis motores que funcionarán únicamente con biocombustible. “Non emiten azufre e rebaixan nun oitenta por cento as emisións de CO2”, matizan en Entabán.
 
Última actualización ( 29/03/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design