Entregados os premios ás iniciativas para o fomento da creatividade aplicada en Ferrolterra PDF
Os galardoados na primeira edición dos premios ás iniciativas para o fomento da creatividade aplicada –convocatoria enmarcada no convenio asinado coas tres universidades galegas e a Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF), e dentro das iniciativas impulsadas polo Plan de Desenvolvemento Integral de Ferrol, Eume e Ortegal, que impulsa e coordina o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)– recolleron os seus certificados, nun acto que tivo lugar no salón de actos do Campus de Esteiro, en  Ferrol (Universidade da Coruña).
 
Ferrol, 3 febreiro de 2009.- O obxecto destes premios ás iniciativas para o  fomento da creatividade aplicada é contribuír, nun esforzo coordinado e conxunto do Igape coas tres universidades galegas e a Asociación Impulsora do Plan Ferrol, a elevar o nivel socioeconómico, cultural, formativo e tecnolóxico das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Mediante este instrumento búscase dinamizar a creatividade persoal e a relación científica e tecnolóxica entre as institucións educativas, os centros tecnolóxicos e as empresas produtivas para procurar a mellora da competitividade empresarial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a partir da aplicación da innovación. Con todo, prevese que as accións poidan beneficiar a outros territorios galegos e á sociedade en xeral.
 
No acto de entrega de premios estivo o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e contouse coa presenza do director do PDI Ferrol, Eume e Ortegal; a Vicerreitora de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela; o Vicerreitor de Relacións Universidade-Empresa da Universidade da Coruña e o Comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade de Vigo;  e representantes da Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF). Tamén asistiron ao acto diferentes representantes do mundo empresarial.
 
ImageEn total foron dez os premiados, nas tres categorías da convocatoria: fase I (iniciativas), fase II (pre-proxectos) e fase III (proxectos). Tal e como se establecía nas bases, as actividades prioritarias eran as relacionadas coas enerxías alternativas, loxística, industria naval, medio ambiente e natureza e turismo.
 
Na fase III (proxectos) os premios corresponderon a tres iniciativas:
 
FMP Función Multi-Par, presentado por Victoriano García Martínez. Trátase dun sistema mecánico que permite unha multiplicación do par motor, un aumento da potencia a igual cilindrada, unha redución do consumo e das emisións de CO2 e un aumento do réxime de xiro.
 
“Vehículo marisqueiro destinado á mecanización dos labores do marisqueo a pé en Galicia”, da empresa Demaux Manufacture,  S.L. Este proxecto deseña un vehículo para realizar as tarefas de acondicionamento e rexeneración dos bancos de marisqueo, para obter deles todo o seu potencial produtivo.
 
“Guía de miradoiros das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal”, iniciativa de Andrés Vilaboy, que contempla un total de oito rutas turísticas ao longo deste territorio.
 
Na fase II (pre-proxectos) as iniciativas gañadoras foron: “Construción modular por paneis prefabricados”, de Ana Noemí Casal Rodríguez; “Software de xestión e control de frotas de vehículos”, a cargo de Eduardo Guillén Solórzano e “Turismo de surf en Ferrolterra”, iniciativa de Nuria Domínguez Ríos.
 
As iniciativas premiadas, encadradas dentro da fase I, foron as seguintes: “Contedor multiconfigurable, pregable e amoreable”, a cargo de Ricardo Casal Pita; “Patentados.com (mesturador universal)”, de Nikolai Boldetsov; “Dique conservador”, promovido por Gamma Kappa S.L. e “Talaso popular”, de María Fernández Varela.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design