Plan de excelencia hostaleira para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal PDF
ImageA iniciativa constitúe unha primeira aposta polo desenvolvemento do sector turístico de Ferrolterra, considerado prioritario no Proxecto integral de desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O Plan de excelencia hostaleira apoiado polo Igape parte da metodoloxía desenvolvida baixo a coordinación do profesor Varela Mallou, director da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC. EHO5-s é un sistema de normas e indicadores prácticos para que os establecementos hostaleiros incrementen a calidade do servizo e a satisfacción dos clientes.
 
Ferrol, 10 de maio de 2007.- Facilitar o desenvolvemento e o progreso do sector hostaleiro das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal é o obxectivo fundamental do Plan de boas prácticas de excelencia que se vai implantar neste territorio e que se presentou hoxe nunha roda de prensa na que participaron o director da oficina xestora do Proxecto integral de desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, Casto Varela, o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, Julio Martínez, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Jesús Varela Mallou e o presidente da AIPF, Xulio Abelleira.
 
O plan, apoiado polo Igape no marco dun convenio asinado polo Instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Universidade Empresa Galega, implantarase inicialmente en algo máis de medio cento de establecementos hostaleiros destas zona, pero poderá estenderse a un número maior de empresas do sector.
 
O desenvolvemento e modernización do sector turístico é unha das iniciativas previstas no Proxecto integral de desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, onde ten a consideración de sector prioritario. Para o financiamento desta iniciativa de carácter colectivo chamada a beneficiar directamente –de xeito inicial- a más de medio cento de empresas, o Igape achega unha partida de 149.000 euros que se destina a apoiar a implantación da correspondente metodoloxía de excelencia nos establecementos acollidos ao proxecto –cunha cobertura de casi o 85% dos custos- e á promoción e difusión do proxecto nas comarcas obxectivo.
 
Como entidade pública desenvolvedora de actividades de investigación, formación  e desenvolvemento científico e tecnolóxico, a Universidade de Santiago deseñou, a través do seu departamento de Psicoloxía Social, a metodoloxía de boas prácticas en xestión hostaleira, que se implantou xa en establecementos da comarca de Compostela. O modelo de xestión integral do sector da hostelería foi adaptado á realidade de Ferrolterra polo mesmo equipo investigador e constitúe o cerne do proxecto “Ferrol Excelencia Hostaleira, cos 5 sentidos” (EHO-5s).
 
O Igape apoiou no seu momento a implantación das boas prácticas de excelencia hostaleira na comarca de Santiago e considera que os resultados do proxecto foron moi satisfactorios, polo que estima de interese estender a metodoloxía noutros territorios. Por este motivo, o Instituto decidiu apoiar a implantación da metodoloxía desenvolvida baixo a coordinación do profesor da USC Jesús Varela Mallou –director da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario- nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, como unha acción incial de impulso ao desenvolvemento do sector turístico nestas comarcas. Varela Mallou explicou que, finalmente, e debido á incorporación de Caixanova como promotora do plan, serán 68 os establecementos nos que se implante o proxecto de entrada, en vez dos 52 previstos inicialmente.
 
Como entidade que ten entre as súas funcións as de canalizar recursos destinados á investigación e á docencia desde e cara á Universidade, a Fundación Universidade Empresa Galega (FEUGA) formará parte da comisión mixta de seguimento da implantación do proxecto e coordinará a xestión económica do Plan.
 
Que é EHO-5s
Ferrol Excelencia Hostaleira cos cinco sentidos (EHO-5s) é un Modelo de Xestión Integral do sector da Hostalería. Orientada ás pemes, a ferramenta está integrada por un manual de protocolo, indicadores de excelencia na xestión, escalas de satisfacción dos clientes (avaliación, control e seguimento), e por un conxunto de informes de mercado orientados ao benchmarking e á priorización das posibles accións estratéxicas a emprender de cara á excelencia.
 
Neste modelo de xestión, a calidade percibida dun servizo, definiuse dende dous enfoques: dende unha calidade obxectiva ou técnica e unha calidade subxectiva. Os deseñadores desta metodoloxía patentada poñen maior énfase na análise da calidade funcional ou subxectiva ou, o que é o mesmo, na calidade que existe unicamente na mente do cliente, que adoita ser máis crítico e esixente coas deficiencias da calidade funcional ou “calidade subxectiva”, que cos fallos técnicos.
 
Con todo, EHO-5s debe ser entendida como metodoloxía complementaria aos distintos modelos teóricos que abordan a xestión da calidade dende o punto de vista empresarial, tales como as normas ISO, ICHE, EFQM, EOQ, etc. O Sistema de Ferrol Excelencia Hostaleira (EHO-5s) é un sistema de normas e indicadores encamiñado a dotar á area de Ferrol dunha hostalería que responda ás expectativas dos seus usuarios, e ten como principal obxectivo aumentar a satisfacción dos consumidores e, en consecuencia, fomentar a fidelización.
Última actualización ( 11/06/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design