Fernández Antonio anuncia a aprobación de 4 novos proxectos empresariais en sectores estratéxicos PDF
ImageO conselleiro de Economía e Facenda destacou a importancia de impulsar iniciativas empresariais con alto contido tecnolóxico en sectores como o da automoción, a aeronáutica e a enerxía, nunha roda de prensa onde anunciou que Igape e Xesgalicia apoiarán os proxectos de Coasa e Cedisolar en Ourense, e de Aludec Saxonia e Cablerías Auto en Pontevedra, achegando 11,6 millóns de euros. Estes proxectos suporán uns investimentos de 60 millóns de euros.
 
Santiago, 28 de marzo de 2008.- O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a aprobación por parte dos consellos de dirección de Igape e Xesgalicia de catro proxectos empresarias que suporán uns investimentos de 60 millóns de euros e recibirán achegas por valor de 11,6 millóns de euros. Os proxectos impulsados por compañías galegas e de fora de Galicia, contan cun alto contido tecnolóxico en sectores como o da automoción, a aeronáutica e as enerxías polo que teñen unha importante capacidade tractora de novas actividades de alto valor engadido para Galicia. Así o explicou o conselleiro na rolda de prensa posterior aos consellos de Igape e Xesgalicia, na que subliñou a importancia que ten a existencia de proxectos empresariais xeradores de riqueza e emprego, e o decidido apoio da Xunta a través dos seus instrumentos de promoción empresarial e capital risco.
 
Os catro proxectos aprobados hoxe están impulsado polas firmas Coasa e Cedisolar en Ourense, e por Aludec e Cablería Auto, en Pontevedra. En conxunto, prevén investimentos de más de 60 millóns de euros, a creación de 130 postos de traballo, e o mantemento doutros 460 empregos. O apoio de Igape e Xesgalicia materializarase a través de axudas ao investimento, participacións no capital e préstamos participativos. Este ano, segundo lembrou o conselleiro, os instrumentos de promoción pública da Xunta de Galicia mobilizarán 712 millóns de euros entre apoios directos e compartidos con outras institucións que contribuirán á materialización de investimentos empresariais na comunidade por importe de 2.000 millóns de euros.
 
Vidro para aforro enerxético
A sociedade Cedisolar, impulsada polo grupo Rioglass Solar Holding, no que participa Abengoa, e por Cedie, empresa do grupo Fenosa, impulsará co apoio do Igape un investimento que supera os 32 millóns de euros consistente nunha nova planta para fabricación de vidro de altas prestacións destinado principalmente a aplicacións de aforro enerxético en arquitectura. Este vidro de alta eficiencia facilita o aforro enerxético tanto no verán, limitando a radiación de entrada, como no inverno, limitando as perdas de calor.
 
Situada no Barco de Valdeorras (Ourense) está nova factoría dará emprego indefinido a 59 traballadores e terá unha capacidade de produción de 3,4 millóns de metros cadrados anuais. Debido ao interese do proxecto e o especial carácter dinamizador que ten para a comarca, o Igape prevé achegar unha subvención que supera os seis millóns de euros e que cubrirá o 22% do investimento subvencionable, cifrado en 28 millóns de euros. Pola súa banda, Xesgalicia participara no capital social de Cedisolar, cun investimento de un millón de euros. Prevese que a nova factoría acade unha facturación de case 24 millóns de euros no primeiro ano de funcionamento.
 
O Instituto apoiará tamén o investimento promovido pola firma Componentes Aeronáuticos (Coasa) que consiste na ampliación da planta industrial que a empresa ten no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao de Viñas (Ourense) mediante adquisición de novos equipos para producir trampas do tren de aterraxe de avións AIRBUS. O proxecto suporá un salto tecnolóxico para esta empresa do Grupo Aernnova, que se consolidará como referente no subministro de compoñentes de alta tecnoloxía para o sector aeronáutico. O investimento previsto está cifrado en 11 millóns de euros e contempla a creación de 35 novos postos de traballo así como a consolidación dos 307 xa existentes.
 
Coasa opta á fabricación, desenvolvemento e mantemento do deseño das trampas do tren de aterraxe dos avións AIRBUS A330 e A340. Este proxecto divídese en tres paquetes de traballo: trampas principais do tren de aterraxe (común aos dous avións), trampa central do A340 e trampa central do A330. Todas estas pezas serán elaboradas con material composto con fibra de carbono. No primeiro ano despois da execución destes investimentos tecnolóxicos, a facturación de Coasa roldará os 40 millóns de euros, cun incremento do 100% sobre as cifras de 2006. O Instituto prevé apoiar a iniciativa cunha subvención que superará o millón de euros.
 
Pola súa parte o consello de administración de Xesgalicia, acordou participar cun investimento de 600.000 euros na ampliación de capital promovida por Cablerías Auto, e destinada a impulsar o seu proxecto de reindustrialización da planta de Valeo en O Porriño e garantir o emprego dos 150 traballadores. Cablerías Auto forma parte do grupo Cablerías, composto por once empresas con implantación en España, Francia y China e una plantilla de 230 empregados. A operación permitirá a reindustrialización da planta de Valeo e inclúe un acordo co grupo de Automoción Viza. O proxecto de Cablerías Auto prevé a creación de novos produtos de alto valor engadido a través do impulso da área de I+D+i da compañía. 
 
Por outra banda, Xesgalicia investirá, a través do Fondo Emprende, 313.600 euros no capital social de Aludec Saxonia, unha nova planta produtiva que se situará no polígono de O Campiño, en Pontevedra. A factoría estará destinada ao cromado de pezas plásticas subministradas por Aludec, que ten en Vigo a súa fábrica de moldeo de pezas plásticas por inxección para a industria do automóbil. O investimento, de 6 millóns de euros, consiste na construción dunha nave de 2.300 m2 de superficie útil e a compra dunha máquina totalmente automatizada para o cromado de pezas plásticas. Para apoiala, Xesgalicia concederá ademais un préstamo participativo de ata 900.000 euros á sociedade promovida por Aludec e o grupo alemán Saxonia Galvanik, especializado en chapado de pezas plásticas. O Igape, pola súa parte, prevé achegar 500.000 euros para o desenvolvemento deste proxecto.
 
III Día do Emprendedor
O Consello de dirección do Igape aprobou tamén a sinatura dun convenio co Ministerio de Industria que regulará a colaboración para que o Instituto e BIC Galicia, sociedade tamén dependente da Consellería de Economía e Facenda, se ocupen de coordinar a organización do III Día do Emprendedor de Galicia, un evento promovido polo Goberno a nivel estatal que se desenvolverá en Santiago o próximo 15 de maio.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design