| Fernández Antonio negocia préstamos do BEI por 330 millóns de euros para financiamento empresarial |
|
O conselleiro de Economía e Facenda anunciou a ampliación do préstamo para as empresas galegas ata 200 millóns de euros tras a demanda rexistrada no que vai de ano na liña de 30 millóns de euros asinada co BEI a través do Igape. Na reunión celebrada co vicepresidente do BEI, Carlos da Silva Costa, Fernández Antonio acordou a análise dun préstamo de 100 millóns de euros para proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.Luxemburgo, 21 de xullo de 2008.- O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, acadou un acordo co Banco Europeo de Investimentos (BEI) para a consecución de dous préstamos por importe de 300 millóns de euros para financiamento empresarial e proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico. O acordo acadado na reunión celebrada hoxe en Luxemburgo co vicepresidente do BEI, Carlos da Silva Costa, supón "un avance importante para a economía galega" na medida en que contribuirá a impulsar o crecemento económico e a creación de emprego. No encontro participaron o director xeral de Política Financeira e Tesouro, Eugenio García Lalinde, e o director xeral do Igape, Álvaro ÁlvarezBlázquez.
O obxectivo da reunión de hoxe, segundo explicou o conselleiro, era mellorar o acceso ao financiamento das empresas galegas en especial as pequenas e medianas empresas (pemes), para apoiar os seus investimentos. Neste sentido, Fernández Antonio anunciou o acordo previo para formalizar un préstamo de 200 millóns de euros para "fomentar o investimento empresarial para a innovación e para a creación de emprego". Trátase, segundo sinalou, de "dinamizar o tecido produtivo galego" achegando recursos do sistema financeiro para as empresas galegas. O conselleiro enmarcou a iniciativa no plan de medidas de dinamización aprobado polo Goberno galego o pasado mes de xaneiro e salientou o papel activo do Goberno galego con esta "importante resposta a un dos principais problemas da economía española como é a restrición ao crédito". Xunto co préstamo para as empresas galegas, o conselleiro anunciou que analizarán co BEI un préstamo de 100 millóns de euros para os investimentos en investigación e desenvolvemento tecnolóxico impulsados pola Xunta de Galicia. O conselleiro de Economía e Facenda lembrou que o BEI e a Xunta de Galicia asinaron en 2007 un convenio para impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas que permitiu habilitar unha liña de financiamento de 30 millóns de euros a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). No que vai de ano, segundo explicou aprobáronse operacións desta liña por importe superior aos 16 millóns de euros e están en estudio operacións que completarían o total do préstamo. Tras lembrar que os préstamos enmarcados no convenio co BEI contan con condicións vantaxosas e o apoio do Igape, o conselleiro subliñou que os 200 millóns do novo préstamo, engádense aos 712 millóns de financiamento que a Xunta impulsa este ano a través de liñas propias e compartidas de financiamento empresarial.
Programa Jessica Outro dos temas analizados na reunión co BEI foi o relativo ao proxecto Jessica, impulsado pola entidade financeira, e que está vinculado ao financiamento de proxectos de desenvolvemento sostible de carácter local. O conselleiro explicou que nunha próxima reunión se analizarán as posibilidades de dinamizar os proxectos de investimento nas cidades galegas. Neste sentido, Fernández Antonio subliñou a importancia deste tipo de proxectos pola súa capacidade para impulsar a creación de emprego "que é a máxima prioridade e o máximo interés do Goberno galego". |
|
| Última actualización ( 03/03/2009 ) |


O conselleiro de Economía e Facenda anunciou a ampliación do préstamo para as empresas galegas ata 200 millóns de euros tras a demanda rexistrada no que vai de ano na liña de 30 millóns de euros asinada co BEI a través do Igape. Na reunión celebrada co vicepresidente do BEI, Carlos da Silva Costa, Fernández Antonio acordou a análise dun préstamo de 100 millóns de euros para proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.