Fernández Antonio anuncia a creación dunha planta de biodiésel promovida polo grupo Acciona PDF
O Igape aportará 3,7 millóns de euros ao investimento impulsado por Acciona, que prevé crear un mínimo de 35 empregos fixos. José Ramón Fernández Antonio reuniuse co director de Acciona Biocombustibles, quen expuxo o proxecto. O Igape aprobou en 2006 achegas por importe de 12 millóns de euros para apoiar outros cinco proxectos de biocombustibles que promoven investimentos cifrados en 88 millóns de euros

ImageSantiago, 27 de febreiro de 2007.- O grupo Acciona construirá en Arteixo (A Coruña) unha planta de produción de biodiésel na que investirá 80 millóns de euros e creará 35 postos de traballo de carácter indefinido.  O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, mantivo hoxe unha reunión con Joaquín Ancín, director de Acciona Biocombustibles –filial do grupo Acciona- na que analizaron os detalles do proxecto. O consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) –que preside o conselleiro de Economía e Facenda-, aprobou -na reunión celebrada a pasada semana- apoiar con 3,7 millóns de euros o investimento impulsado por Acciona Biocombustibles. A nova planta producirá biodiésel a partir de aceites vexetais e situarase a carón da refinería de Repsol YPF, que será o cliente principal da mesma e podería chegar a formar parte do accionariado da sociedade.

A realización do proxecto de Biodiésel Coruña representa a creación da terceira maior planta de biodiésel da Comunidade Autónoma, cunha capacidade de produción de 200.000 toneladas anuais. Supón, ademais, unha nova posibilidade de potenciar a actividade de produción de biocombustibles, actividade que se pode converter nun sector estratéxico para o desenvolvemento e consolidación do tecido industrial galego. Cómpre lembrar que entre os obxectivos fixados pola Unión Europea para reducir a dependencia enerxética do petróleo e para diminuír as emisións de gases efecto invernadoiro, figura o impulso á fabricación e utilización de biocarburantes.

No sector de biocombustibles Galicia conta actualmente cunha planta de produción de bioetanol no concello de Curtis (A Coruña), propiedade do grupo Abengoa. Sen contar o de Biodiésel Coruña, están en diferentes fases de execución outros cinco proxectos que suman investimentos por importe de 88 millóns de euros e prevén crear un cento de empregos novos. Para apoiar estes investimentos o Instituto dependende da Consellería de Economía e Facenda concedeu axudas que suman 12 millóns de euros. Os proxectos aprobados nos últimos meses son os de Entabán Biocombustibles (Ferrol), Infinita Renovables (Salvaterra, Pontevedra), Tecnoambiente Galicia (Cerceda, A Coruña), Ariasa Bioenergía (Ordes, A Coruña) e Biocarburantes de Galicia (Begonte, Lugo).

Outros proxectos enerxéticos

Ademais dos apoios a proxectos de biocarburantes, o Igape aprobou nos últimos meses outros proxectos de investimentos en materia de enerxías renovables, como o promovido por Biomasa Forestal, en Santa Comba (A Coruña), ou o impulsado por Metalúrgica del Atlántico, que decidiu investir 5 millóns de euros na ampliación das súas instalacións en Ferrolterra para producir torres para aeroxeneradores. En datas máis recentes, o Igape aprobou un importante proxecto de investimento en enerxía solar, como o de T-Solar Global para Ourense, e recibiu un novo proxecto en biomasa, o promovido por Renova en Teixeiro, Curtis.

Última actualización ( 13/03/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design