Fernández Antonio presenta unha nova sociedade de investimento para apoiar proxectos estratéxicos PDF
O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Consello Reitor da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento explicou que o obxectivo desta sociedade é captar e promover proxectos empresariais de alto valor engadido. Manuel Jove Capellán, responsable da área de novos negocios e emprendedores, presentou ao Consello a proposta de creación do fondo no que participarán empresarios, inversores e entidades financeiras. A nova sociedade contará cunha achega inicial de 100 millóns de euros.
 
Santiago, 11 de maio de 2007.- O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do consello reitor da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a creación dun fondo de capital risco cun volume inicial de 100 millóns de euros que se destinará á captación e promoción de proxectos empresariais estratéxicos para a economía galega. O instrumento financeiro, que fixará como prioridade aqueles proxectos de alto valor engadido e proxección no ámbito da sociedade do coñecemento, foi presentado ao consello reitor polo responsable da área de novos negocios e emprendedores, Manuel Jove Capellán. No fondo participarán empresarios, inversores e entidades financeiras e constituirá un potente instrumento galego para o fomento de iniciativas innovadoras no ámbito empresarial. A participación máxima de cada partícipe individual non será superior ao 20%, e a súa constitución formal se realizará antes do verán.
 
Fernández Antonio presidiu unha xuntanza na que participaron o vicepresidente executivo da Fundación,Javier Riera Nieves; e os membros do Consello Reitor, Manuel Jove Capellán; Honorato López Isla; José Luis Méndez López, Julio Fernández Gayoso; José María Arias-Mosquera; José María Barja Pérez; Alberto Gago Rodríguez; Senén Barro Ameneiro; Pablo Isla Alvarez de Tejera; e Alvaro Alvarez-Blázquez Fernández.
 
O conselleiro tamén anunciou a constitución dunha Agrupación de Empresas Innovadoras (AEI) de Enerxías Renovables e Xestión de Resiudos, iniciativa embrión dunha iniciativa clúster. O proxecto foi presentado ao consello polo Vicepresidente executivo da Fundación, Javier Riera Nieves, responsable do comité de área de competitividade e cooperación empresarial, quen informou das actividades realizadas ata o momento e propuxo a ampliación dos grupos de traballo nas distintas áreas, sobre a base e perspectiva da ‘triple hélice’ (empresas, universidades, Administración). Segundo explicou o conselleiro, mediante a figura das AEIs promoverase en Galicia a creación e consolidación de clústers empresariais e a elaboración de proxectos para acceder a fondos tecnolóxicos de ámbito internacional. O conselleiro lembrou que o Igape xa inclúe nas súas bases de axuda, liñas orientadas ao apoio desta innovadora figura de cooperación empresarial.
 
O Consello Reitor, por outra banda, tamén aprobou realizar unha análise da competitividade do tecido produtivo, tarefa que será desenvolvida mediante un grupo de traballo que integrará á escola de negocios suiza International Institute for Management Development (IMD), á Escola de Negocios Caixanova, ao Centro de Investigación Económica e Financeira (Cief) de Caixa Galicia; ao Instituto de Estudios Económicos de Galicia Pedro Barrié de la Maza, e ás tres universidades Galegas. Igualmente, se acordou impulsar a creación dun centro de eficiencia e sostenibilidade medioambiental.
 
A ferramenta da triple hélice galega
 
A Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento ten por obxecto o impulso, promoción e coordinación de actividades para a mellora da competitividade das empresas galegas e a súa internacionalización; a análise de novos proxectos de investimento; a extensión e implantación de novas tecnoloxías; o desenvolvemento da sociedade da información e o impulso das redes de coñecemento e cooperación.
 
As empresas e institucións fundadoras son PSA Peugeot Citroën, Inditex, Unión Fenosa, Coren, Pescanova, Finsa, Fadesa; as entidades financeiras Caixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor; as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e a Administración galega. O presidente do padroado da Fundación recae no Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; mentres que as vicepresidencias corresponden ao conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio e aos representantes de PSA Peugeot Citroën, Banco Pastor e Universidade de Santiago. Pola súa banda, o consello reitor está presidido polo conselleiro de Economía e Facenda; ten como vicepresidente executivo a Javier Riera; e inclúe aos representantes das dúas caixas de aforros; das empresas PSA Peugeot Citroën, Unión Fenosa, Pescanova e Fadesa, e das universidades de Vigo e A Coruña.
 
Os Comités de área creados na reunión do consello reitor o pasado mes de xaneiro son os de Novos Negocios e Emprendedores, liderado por Manuel Jove Capellán; o de Medidas de Competitividade da Empresa e Cooperación Empresarial, encabezado por Javier Riera Nieves; e o de Investigación e Coñecemento, a cargo de Honorato López Isla.
Última actualización ( 11/06/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design