| Os 64 empresarios do plan de excelencia hostaleira de Ferrol recibiron as súas propostas de mellora |
|
|
A iniciativa EHO-5s constitúe unha aposta polo desenvolvemento do sector turístico de Ferrolterra, considerado prioritario no Proxecto integral de desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O Plan parte da metodoloxía desenvolvida baixo a coordinación do profesor Varela Mallou, da USC. E un sistema de normas e indicadores prácticos para que os establecementos hosteleiros incrementen a calidade do servizo e a satisfacción dos clientes.
Ferrol, 16 de novembro de 2007.- Os representantes das 64 empresas comprometidas en acadar a excelencia hosteleira a través do Plan de boas prácticas Ferrol Excelencia Hostelerira cos 5 sentidos (EHO-5s), dirixido pola Universidade de Santiago e financiado polo Igape coa colaboración de Caixanova, recibiron hoxe os correspondentes certificados de participación e os diagnósticos e propostas de mellora.
Facilitar o desenvolvemento e o progreso do sector hosteleiro das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal é o obxectivo fundamental do citado Plan de boas prácticas de excelencia que se comezou a desenvolver neste territorio no pasado mes de maio. No acto de hoxe participaron, en representación do IGAPE, o seu director xeral, Álvaro Álvarez-Blázquez, e o director do P.D.I. de Ferrol, Eume e Ortegal, Ángel Sucasas; o director de Feuga, Javier López; o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, Julio Martínez; o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Jesús Varela Mallou; o director do Instituto de Desarrollo de Caixanova, Carlos Palleiro; e, en representación da AIPF, Anxo López Pintos.
O Plan, apoiado polo Igape no marco dun convenio asinado polo Instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Universidade Empresa Galega e Caixanova, implantase inicialmente nos 64 establecementos hosteleiros destas zonas que hoxe recibiron os certificados e diagnósticos coas propostas de mellora, pero podería estenderse a un número maior de empresas do sector.
O desenvolvemento e modernización do sector turístico é unha das iniciativas previstas no Proxecto integral de desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, onde ten a consideración de sector motor; por iso o Igape impulsa e apoia financeiramente o desenvolvemento e implantación do Plan EHO-5s, que deseñou a USC a través do seu departamento de Psicoloxía Social. Como entidade que ten entre as súas funcións as de canalizar recursos destinados á investigación e á docencia desde e cara á Universidade, a Fundación Universidade Empresa Galega (FEUGA) forma parte da comisión mixta de seguimento da implantación do proxecto e coordina a xestión económica do Plan.
Ferrol Excelencia Hostaleira cos cinco sentidos (EHO-5s) é un Modelo de Xestión Integral do sector da Hostalería. Orientada ás pemes, a ferramenta está integrada por un manual de protocolo, indicadores de excelencia na xestión, escalas de satisfacción dos clientes (avaliación, control e seguimento), e por un conxunto de informes de mercado orientados ao benchmarking e á priorización das posibles accións estratéxicas a emprender de cara á excelencia. |
|
| Última actualización ( 17/03/2009 ) |




