Fernández Antonio destaca a eficacia do Plan Ferrol polo positivo resultado en crecemento e emprego PDF
As comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal teñen avanzado de forma significativa nos últimos dous anos grazas á eficacia do Plan Ferrol reflectida nos positivos resultados acadados en termos de crecemento de actividade e emprego. Así o explicou no Parlamento o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, que subliñou que en vinte meses se ten avanzado en todas as liñas do plan, apostando pola diversificación do tecido produtivo cara a sectores de futuro e xeradores de emprego; e por actuacións transversais en materia de infraestruturas, I+D+i ou formación para incrementar a competitividade do territorio. O Proxecto de Desenvolvemento Integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 2007-2011, presentado en marzo do 2007, é resultado da acción coordinada e concertada entre a Xunta, a Administración central e os axentes sociais reunidos na Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF).
 
Santiago, 12 de novembro de 2008.- Fernández Antonio explicou que o Plan é un instrumento que permite, por vez primeira, unha xestión coordinada e integral de todos os sectores para conseguir superar a situación de estancamento e cambiar “a tendencia regresiva histórica destas tres comarcas e incorporalas ao dinamismo económico”. O conselleiro salientou que dos cinco anos que abarca o seu desenvolvemento, non transcorreu nin a metade do tempo e os compromisos adquiridos polo goberno da Xunta de Galicia estanse cumprindo. “Estamos na senda do desenvolvemento con maior ritmo que nas décadas anteriores e configurando un territorio máis competitivo e atractivo coa capacidade de superar a dependencia do monocultivo naval”.

ImageO conselleiro lembrou que a carteira da construción naval asegura a actividade e o emprego ata o ano 2014, e destacou a aposta do plan pola diversificación  produtiva. Así, subliñou que no ámbito eólico, as comarcas concentran o 45% das empresas fabricantes de compoñentes eólicos (palas, torres, turbinas e ensamblaxe de aeroxeradores); e que en biocarburantes se prevé que Ferrol absorba a metade da produción estimada a nivel estatal. Tamén no sector medioambiental –especialmente en reciclaxe de residuos- estanse a rexistrar iniciativas empresariais así como en biomasa e nos sectores turístico e loxístico. Neste último, indicou o conselleiro, rexístrase un incremento do 25% dos tráficos do Porto de Ferrol-San Cibrao nos tres primeiros trimestres de 2008, o que sitúa a esta instalación como a de maior crecemento do Estado.

Xa no ámbito das actuacións transversais que melloran a competitividade e capacidade de atracción da zona, o conselleiro indicou que “hoxe Ferrol é a zona de Galicia con máis dotación de solo industrial”.  Igualmente, en canto á mellora das infraestruturas de acceso destacan os investimentos na Autovía Ferrol-Vilalba AG-64, a mellora da VAC Ferrol-San Cibrao; e as actuacións no acceso ao Porto exterior de Ferrol. Neste sentido, Fernández Antonio destacou tamén o proxecto de execución da segunda fase do Porto Exterior e a partida de 1 millón de euros nos Presupostos Xerais do Estado de 2009 para a realización de estudo informativo sobre alternativas de acceso ferroviario.

Apoio a empresas e emprego
Entre as actuacións transversais Fernández Antonio tamén destacou as iniciativas en I+D+i, coa constitución do Centro galego do Plástico e do Centro Tecnolóxico do Naval; así como o convenio coas universidades galegas para o fomento da creatividade aplicada. E no ámbito do emprego, salientou o Pacto polo emprego, asinado en xuño entre a Consellería de Traballo, 19 concellos, os sindicatos e as asociacións empresariais. Neste sentido, o conselleiro destacou a creación de emprego con 1.500 novos empregos e coa redución do número de desempregados, o que permitiu situar a Ferrol por baixo da media da comunidade en taxa de paro.

Por último, o conselleiro destacou a concentración de esforzos e a actuación coordinada de apoio ás empresas que permitiu apoiar investimento de preto de 800 millóns de euros, con 200 millóns de euros en axudas. Igualmente, o pasado maio aprobouse a creación por Xesgalicia, Enisa, Sepides, e as dúas Caixas de aforro galegas dun fondo de capital risco específico para Ferrolterra, dotado con 12 millóns de euros.
 
Última actualización ( 03/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design