Fiordilatte, creada co apoio do programa Emprendores, ofrece aos lugueses xelados artesáns PDF
Todos os xelados Fiordilatte son elaborados a partir de produtos naturais. A nova empresa ten en proxecto abrir outro punto de venda no centro da cidade. 
 
Image
Santiago. 31 de outubro de 2006.- A xeladería Fiordilatte abríu as súas portas no pasado mes de maio a todos os lucenses. Situada ao remate da rúa dos Viños, en zona peonil, o establecemento fica en zona de paso. Segundo indica Antía Lence, unha das promotoras de Fiordilatte, dende a apertura no mes de maio, a actividade no local é altísima. O establecemento, que se compón dunha gran vitrina de cara á rúa, cafetaría e terraza, ofrece todo tipo de xelados e derivados elaborados no propio establecemento, ao xeito artesanal e a partir de produtos naturais. Para a súa posta en marcha contou co apoio do Igape.

“Coñezo xente que levaba máis de vinte anos sen probar un xelado, pois tomar un anaco de xeo non é o que lles vai”, indica Antía Lence. A venda de xelados artesanais supón, segundo a emprendedora, unha novidade en Lugo, onde os xelados industriais copan ata agora o mercado. Mais nestes catro meses de actividade “o éxito é notable. Moitas veces, no verán, formáronse colas importantes agardando tras da vitrina polo seu xelado”.
 
Ampla gama de sabores naturais

En Foirdilatte as posibilidades dentro do eido xeladeiro son numerosas. Tres tamaños de cucurucho, con tres bolas por xelado, 24 sabores diferentes permanentes, batidos, tarriñas para levar e mesmo zumes poderá mercar o viandante a prezo medio. Os xelados prepáraos ao xeito artesanal Raffaele Cugini, reposteiro italiano con ampla experienciae o socio da empresa. Os sabores ofertados proveñen todos de produtos naturais que varían en función da tempada: cereixas, plátanos, fatóns etc. Segundo indica Antía Lence, varias son as diferenzas entre o xelado artesanal e o de elaboración industrial: maior cremosidade, sabor máis intenso e sobre todo unha consistencia meirande, xa que, por exemplo, para facer un xelado de fresa de medio litro emprégase un quilo de froita natural.

A última novidade na oferta da xeladería chegou nas festas de San Froilán, nas que Fiodilatte empezou a vender postres semifríos ao xeito de tartas, pasteis ou tiramisús realizados por eles propios.

Asemade, Antía coida que o xelado artesanal debera ter unha proxección importante en Galicia, pois é un produto apenas explotado. Se tomamos como modelo o caso italiano, de onde provén o xeladeiro da empresa, ollamos unha diferenza substancial. Tanto en Italia como en España consúmense arredor de 8 ou 9 litros de xelado por persoa ao ano, mais no caso italiano a porcentaxe de xelado artesanal ascende ao 56%, mentres que no caso español non pasa do 6%.
 
Perspectivas de futuro 

Logo da boa aceptación inicial do establecemento a empresaria ten novas espectativas de cara ao futuro. O principal proxecto consiste na apertura dun punto de venta só para xelados que se implantaría nunha rúa ou praza de máxima actividade e tráfico, de xeito que Fiordilatte acade unha presenza meirande na cidade de Lugo.
Última actualización ( 19/01/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design