| Garantías por importe de 14,24 millóns de € para apoiar a empresas do naval, textil ou carpinteiría |
|
|
A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, apoia con garantías que suman 3,44 millóns de euros a tres empresas especializadas en carpintería metálica e tradicional, afectadas en xeral pola súa dependencia do sector da construción. A través do Instituto, que concede un aval por importe de 5 millóns de euros, a Xunta respalda igualmente a construción dun barco para Noruega polo estaleiro MetalShips&Docks. Un aval por importe de 5,8 millóns de euros contribúe a desenvolver o plan de viabilidade de Montoto ao refinanciar a longo prazo débedas da empresa téxtil.
Santiago, 20 de novembro de 2009.- O consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Industria, acordou na súa última reunión conceder avais por importe de 14,24 millóns de euros para apoiar operacións de financiamento de circulante ou refinanciamento de pasivos destinadas a garantir a actividade en cinco empresas de sectores como o naval (MetalShips), o textil (Montoto) ou o de carpintería metálica e de madeira (Sumtec, Brauron e Bodeal).
O Instituto decidiu apoiar a tres empresas que desenvolven a súa produción nas actividades da carpintería tradicional, do aluminio e do PVC, actividades en xeral afectadas como consecuencia da crise da construción. Así, o consello de dirección do Igape acordou conceder a Sumtec, S.L. un aval por importe de 1,85 millóns de euros en garantía do 50% dun préstamo bancario destinado a refinanciamento de pasivos e financiamento de circulante. Cun cadro de persoal composto por 132 traballadores, esta empresa asentada no polígono industrial de O Acevedo, en Cerceda adícase á fabricación e distribución de paneis para portas e paneis tipo sándwich, tanto en aluminio como en PVC, destinados a fachadas, cubertas e divisións; ademais, a firma presta servizos de lacado e foliado de aluminio para outras empresas.
Pola súa parte, a empresa Brauron, S.L., domiciliada en Boiro, poderá contar cun aval por importe de 810.000 euros destinado a garantir o 50% dun préstamo bancario destinado a refinanciar pasivos e finaciar circulante para manter a súa actividade industrial. As actividades actuais da firma, cun cadro de persoal composto por 60 traballadores, céntranse na fabricación de molduras, marcos e listóns de diferentes madeiras como o pino, carballo, abeto ou sapelly, para a venda en carpintería, decoración e bricolaxe. Esta empresa, que ten entre os seus principais clientes ás principais cadeas de bricolaxe, está a impulsar un plan de negocio orientado a ampliar a súa internacionalización.
Do mesmo xeito, Economía e Industria apoia o financiamento de pasivos e circulante que precisa a empresa Bodeal, SLU. Será mediante un aval por importe de 780.000 euros que garante o 60% dun préstamo bancario con ese obxectivo. Con sede en A Cañiza (Pontevedra), Bodeal emprega a 58 traballadores. A súa actividade consiste na fabricación, transformación, adquisición e venda de aluminio, ferro e metais de todas clases, así como os seus complementos de accesorios. Ademais de produtos metálicos, especialmente perfiles e ventanas, fabrica e instala armarios, tarimas, portas, etc., e está presente en todo o mercado nacional, ademais de chegar a Cabo Verde, Portugal e Francia.
Apoio á construción naval
Por outra banda, mediante a concesión du aval por importe máximo de 5 millóns de euros, Economía e Industria garantirá o 70% dun préstamo bancario destinado ao financiamento do circulante necesario para que o estaleiro vigués MetalShips&Docks poida construir un buque multipropósito offshore contratado cunha firma de Noruega. Este estaleiro dedicado á construcción e reparación de buques de aceiro na ría de Vigo poderá, deste xeito, dar emprego a entre 250 e 300 traballadores durante un ano, dado que a operación apoiada a través do Igape xerará unha carga de traballo de, aproximadamente, 500.000 horas. MetalShips&Docks consolidou a súa carteira de pedidos durante os últimos anos. En reparacións, o estalerio atende a unha media de 40 barcos ao ano mentres que, no eido da construción, se especializou en buques offshore e catamaráns para pasaxeiros, sen esquecer a construcción de barcos de pesca, unha liña de negocio moi afianzada pola gran tradición pesqueira da zona.
Apoio a Montoto
Ademais, e mediante a concesión dun aval por importe de 5,8 millóns de euros, o Instituto contribúe a impulsar a continuidade futura da empresa Géneros de Punto Montoto, ao refinanciar a 11 anos, con catro de carencia, a totalidade da débeda que a empresa tiña garantida polo Instituto. Con esta medida de apoio financeiro, unida á recente concesión dun préstamo participativo por Xesgalicia, aprobada o pasado 4 de novembro e destinado igualmente a apoiar o plan de viabilidade que Montoto ten en marcha, dase un paso fundamental para que en datas próximas se poida proceder ao levantamento do vixente concurso de acredores e clarexar así, de forma definitiva, o futuro desta importante firma textil. Co refinanciamento da débeda avalada polo Igape e o apoio aprobado por Xesgalicia danse pasos especialmente significados no desenvolvemento do plan de viabilidade de Géneros de Punto Montoto, que contempla ademais accións como a adecuación do cadro de persoal, que poderá medrar de novo a medio prazo, a medida que aumente a actividade da empresa. O plan de viabilidade tamén contempla a reducción dos gastos operativos da empresa, xunto con accións comerciais encamiñadas a incorporar novas liñas de produto e mellorar as existentes.
|


