Galicia incrementa por terceiro ano consecutivo a taxa de actividade emprendedora, segundo o GEM PDF
O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, salienta que Galicia ocupa o segundo posto en canto á porcentaxe de iniciativas consolidadas. Fernández Antonio subliñou tamén na presentación do Informe GEM 2007 que a figura do emprendedor en Galicia está cada vez mellor valorada social e profesionalmente.
 
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2008.- Galicia incrementou por terceiro ano consecutivo a súa taxa de actividade emprendedora (TEA), situándose no 7,64%, fronte a un 5,94% en 2006. Ademais, a TEA galega medrou por riba da media española, que acadou o 7,62% o pasado ano. Estes datos foron expostos polo conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, na presentación do Informe Executivo GEM Galicia 2007, o cal ten por obxecto a análise da actividade emprendedora nun marco internacional. A edición deste ano é a número tres do Informe GEM para a nosa comunidade, no que participa activamente a Consellería de Economía e Facenda a través do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia). Os resultados deste informe son froito do traballo da Confederación Galega de Empresarios (CEG) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que colaboraron conxuntamente con BIC Galicia para dar á luz a este novo informe.

ImageUn dos datos máis significativos nos que fixo fincapé Fernández Antonio é que "Galicia ocupa a segunda posición en canto á porcentaxe de iniciativas consolidadas", así como que a "figura do emprendedor está cada vez mellor valorada social e profesionalmente en Galicia".

Galicia emprendedora
O conselleiro explicou que o Informe amosa que en Galicia se emprende fundamentalmente para aproveitar "oportunidades de negocio". Ademais, nesta nova edición do Informe cómpre salientar que o "perfil do emprendedor se está universalizando, polo que xa non podemos falar dun único tipo de persoa emprendedora". Ponse de manifesto que o número de mulleres emprendedoras estase incrementando cada vez máis neste ámbito que antigamente estaba practicamente restrinxido ós homes.

A figura do emprendedor cobra especial importancia no contexto económico actual no que nos atopamos, explicou Fernández Antonio, xa que constitúe un motor esencial para o crecemento e desenvolvemento económico, ademais de constituír "unha fonte de ideas e proxectos innovadores". Nos momentos de máis crise aparecen máis oportunidades de investimento –apuntou o Conselleiro de Economía e Facenda– e lembrou que a Xunta non "deixará sen financiamento ningún proxecto viable".

Fomento do investimento empresarial
Fernández Antonio tamén aludiu ao Acordo pola Competitividade de Galicia 2008–2011", asinado polo Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e os axentes sociais o pasado 7 de xullo. Segundo dixo, unha das súas medidas é o fomento do investimento empresarial e do espírito emprendedor. Esta medida, segundo explicou, contempla accións de sensibilización para fomentar a capacidade emprendedora, entre as que destacou os programas de divulgación no ámbito educativo; os programas que faciliten o acceso ao capital por parte dos emprendedores; o apoio material e técnico no proceso de creación de empresas,; e a promoción da participación privada e de empresarios na creación de novas empresas e no impulso de iniciativas como viveiros de ideas, redes de investidores privados ou programas "chave en man" para os novos proxectos. O conselleiro de Economía sinalou que "a economía galega precisa estímulos dende a Administración Pública" pero non só iso, senón que tamén é necesario "a confianza dos seus empresarios á hora de abordar novos retos e investir".

 

Last Updated ( Friday, 16 October 2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design