Santiago, 16 de outubro de 2007.- AcuiPerc e Camarón de Galicia, dous proxectos empresariais centrados na biotecnoloxía e apoiados pola sociedade do Igape BIC Galicia, están entre os catro premiados a nivel estatal pola Fundación Genoma España, no marco da III edición do proxecto nacional Bioances, que conta coa cofinanciación do programa Profit do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
BIC Galicia presentou 21 proxectos galegos de biotecnoloxía á terceira edición do Proxecto Bioances. Titores especializados desta sociedade dependente da Consellería de Economía e Facenda acompañaron a estes 21 bioemprendedores na preparación e elaboración do plan de empresa así como na procura do financiamento necesario para o lanzamento do seu proxecto. Dos proxectos galegos, 3 foron seleccionados como finalistas para competir polo premio nacional de Xenoma España ao que aspiraron 22 proxectos a nivel nacional. Finalmente AcuiPerc e Camarón de Galicia foron 2 dos 4 proxectos gañadores do premio, dotado de trinta mil euros cada un.
O próximo 18 de outubro, estes dous proxectos serán presentados ante unha selección de investidores e entidades de capital risco en Madrid, durante o Foro de presentación de Proxectos e Empresas Biotecnológicas. Este Foro é unha iniciativa de Genoma España en colaboración coa Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES) á que pertence BIC Galicia e a Rede Española de Business Angels (ESBAN), coa finalidade de apoiar aos emprendedores que desexen desenvolver empresas, nun sector tan innovador e necesario como é o biotecnolóxico, póndoos en contacto con potenciais investidores que poden axudarlos financeira e profesionalmente.
AcuiPerc
AcuiPerc é unha empresa de deseño, investigación, construción e comercialización de tecnoloxía para a acuicultura de percebe galego. O promotor desta iniciativa empresarial é Pablo Álvarez Fariña. A súa empresa desenvolverá dous tipos de innovacións: en biotecnoloxía e en enxeñería. Nunha primeira fase a innovación clave para o éxito empresarial é fundamentalmente biotecnolóxica e consiste no control da etapa de reclutamento (ou fixación larvaria) mediante a síntese e aplicación de moléculas reclutadoras. Inmediatamente superada esta etapa, o despegue da empresa fundaméntase en innovacións de enxeñería, basicamente no desenvolvemento de sistemas de aplicación das devanditas moléculas reclutadoras mediante novas superficies artificiais: placa, soporte, lámina e batea. Finalmente outra innovación en biotecnoloxía, a comercialización de larvas de percebe xeneticamente melloradas mediante selección, permitirá optimizar os sistemas de cultivo e afianzar a posición da empresa.
Os produtos están dirixidos ás confrarías de percebeiros ou outros titulares das concesións de explotación deste recurso mariño. Acuiperc atópase en fase de constitución e aínda está negociando a participación no capital da mesma doutras empresas colaboradoras así como o asesoramento e a colaboración de varias entidades e investigadores.
Camarón de Galicia
Pola súa banda, Camarón de Galicia é unha empresa que se dedicará á produción intensiva do camarón galego, desde larva a adulto comercial. Neste sentido será unha empresa pioneira en levar a cabo o cultivo deste crustáceo. Actualmente non existe ningunha empresa no mercado que produza camarón, a pesar de que esta especie ten un gran valor de mercado en Galicia. A empresa producirá adultos de talla comercial, coas mesmas características que teñen os camaróns extraídos nas costas galegas. Os adultos de maior talla poden chegar aos 270 euros/kg en venda en lonxa.
Para o cultivo larvario, a empresa utiliza unha alimentación enriquecida coa aplicación da última tecnoloxía en cultivo de microalgas. Desta forma, mellórase a supervivencia e o desenvolvemento das larvas. Para a alimentación dos xuvenís utilízase un alimento de formulación propia que cobre todas as necesidades do camarón. Este alimento proporciona aos camaróns unha pigmentación e un sabor idénticos ao salvaxe. A empresa atópase tamén en fase de constitución.