Relación de axudas concedidas

En cumprimento do artigo 13, epígrafe 4.3 da Lei de Transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, neste apartado dase publicidade ás axudas concedidas polo IGAPE. O importe concedido corresponde a subvencións nos programas de investimentos, mellora, competitiva, emprendedores e internacionalización; tamén noutros como o re-Móvete. Nos programas financeiros, o importe concedido corresponde a gastos financeiros ou á subsidiación achegada polo Igape para que os prestamos habilitados mediante os correspondentes convenios con entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca teñan mellores condicións para os beneficiarios; o importe, neste caso, é proporcional ao volume do préstamo concedido ao beneficiario pola correspondente entidade financeira.

Cómpre ter en conta os seguintes aspectos:

  • Liñas en concorrencia non competitiva.- No marco dos programas de apoio que están abertos de xeito continuado ou durante amplos espazos temporais-, como os de incentivos a proxectos de investimentos empresariais, emprendedores, internacionalización ou liñas de financiamento subsidiado, as solicitudes vanse recibindo, avaliando, resolvendo e publicando ao longo de todo o ano.
  • Liñas en concorrencia competitiva.- Os programas de apoio regulados polo procedemento de concorrencia competitiva, como os referidos a innovación, competitividade ou proxectos colaborativos convócanse unha ou dúas veces por ano, con prazos marcados para a presentación de solicitudes. Unha vez rematado o prazo fixado, avalíanse, resólvense e publícanse todos os beneficiarios ao mesmo tempo.
  • Proxectos colectivos ou colaborativos.- A práctica totalidade das liñas de axudas do Igape teñen como destinatario final empresas individuais. Con todo, algunhas liñas orientadas a favorecer a mellora da competitividade empresarial ou a internacionalización están abertas a proxectos de carácter colectivo ou colaborativo, presentados por organismos intermedios de carácter empresarial pero destinados a prestar servizos de formación, asesoramento e mellora competitiva a conxuntos de empresas individuais.

Debido á diversidade das liñas, tanto polos seus obxectivos como polo sistema de convocatoria e resolución, as axudas publicadas nun mes non son referencia suficiente para observar evolucións, tendencias ou variacións temporais no marco xeral de apoios do Instituto, cuestións que deberán analizarse avaliando prazos de tempo maiores.

Logo Fondos Europeos