Xoves, 14 Xaneiro 2016 08:40

A Xunta destaca a aposta pola internacionalización de Bimba y Lola, que conta con 207 puntos de venda a nivel mundial

O director do Igape, Javier Aguilera, visitou as instalacións da compañía téxtil en Mos e destacou que o Igape acaba de activar 9,5 millóns de euros para apoiar ás empresas galegas que buscan iniciar ou ampliar as súas exportacións. Sinalou que o sector téxtil, cun incremento do 13% ata outubro, está a actuar como “locomotora das exportacións galegas”, que van camiño de rexistrar unha nova marca histórica en 2015. A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar axudas por máis de 30 millóns para apoiar os investimentos, a mellora da competitividade, a cooperación e a internacionalización das empresas galegas.

Mos (Pontevedra), 13 de xaneiro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, visitou as instalacións da compañía Bimba y Lola en Mos e destacou a firme aposta pola internacionalización desta empresa, que suma xa con 207 puntos de venda a nivel mundial. Cunha facturación que este ano superará os 110 millóns de euros, Bimba y Lola conta cun cadro de persoal de máis de 900 traballadores.

Aguilera sinalou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, co obxectivo de seguir impulsando a internacionalización do tecido empresarial galego, acaba de activar para 2016 axudas que suman 9,5 millóns de euros para apoiar ás empresas galegas, que buscan iniciar ou ampliar as súas exportacións.

O director do Igape resaltou a importancia que está a ter, no ámbito das exportacións, o sector téxtil, que rexistrou un incremento do 13% até o pasado mes de outubro. O sector está a actuar “como locomotora das exportacións galegas”, que van camiño de rexistrar, segundo explicou Aguilera, unha nova marca histórica en 2015.

Novas liñas de apoio

Aguilera, ademais, indicou que co obxectivo de seguir impulsando a actividade empresarial, para consolidar o crecemento económico e facilitar a creación de emprego, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou a través do Igape convocatorias de axudas dotadas conxuntamente con máis de 30 millóns de euros para apoiar os investimentos, a mellora da competitividade, a cooperación e a internacionalización das empresas galegas.

Entre outros, destacan os programas Galicia Inviste para impulsar novos investimentos e Galicia Emprende para apoiar proxectos de novos emprendedores, dotados conxuntamente con case 16 millóns de euros.

Así mesmo, resaltou a importancia da nova liña para impulsar accións no ámbito da fábrica 4.0., facilitando o desenvolvemento de proxectos demostradores que impulsen a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. E por último, resaltou que para mobilizar financiamento de circulante para as pemes, a Xunta acaba de abrir a convocatoria do programa Resolve 2016 e un programa específico para explotacións leiteiras.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios
Logo Fondos Europeos