Mércores, 20 Xaneiro 2016 18:30

A Xunta destaca a calidade dos produtos agroalimentarios galegos como mellor garantía para conquistar novos mercados

O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe na xornada sobre ‘Galician Gourmet Extravaganza’, para preparar a promoción e degustación en Bruxelas. Diante de 80 empresas, Aguilera salientou que os produtos agroalimentarios galegos posúen calidade contrastada para satisfacer aos consumidores máis esixentes nos mercados máis competitivos. Resaltou que o Igape vén de activar o programa Galicia Exporta, dotado con 8,5 millóns de euros, para apoiar ás empresas galegas que aposten por explorar durante este ano oportunidades de negocio en mercados exteriores.

Santiago, 20 de xaneiro de 2016.-O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe en Santiago que son moitos os produtos agroalimentarios galegos que deben aproveitar o novo escenario de crecemento económico para apostar pola súa internacionalización, xa que “posúen calidade contrastada para conquistar aos consumidores máis esixentes nos mercados internacionais máis selectos”.

 Durante a súa intervención na apertura da xornada técnica do evento Galician Gourmet Extravaganza, que impulsa unha próxima cita promocional en Bruxelas, Aguilera destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar, a través do Igape, liñas de axuda para facilitar a presenza das empresas galegas nos mercados exteriores do seu interese.

De feito, indicou, que a través do programa Galicia Exporta, e no marco da Estratexia de Internacionalización da empresa galega, a Xunta destina 8,5 millóns de euros a este obxectivo, apoiar ás empresas galegas para que, ben de forma individual ou ben de modo colectivo, exploren oportunidades de negocio en mercados exteriores. O encontro de hoxe incluíu un relatorio sobre os servizos e apoios do Igape á internacionalización, que destina, ademais, un millón de euros á contratación de arredor dun centenar de profesionais, facilitando a súa inserción laboral para traballar como xestores de internacionalización.

A xornada do Galician Gourmet Extravaganza, na que participaron máis de 80 empresas galegas, tivo como obxectivos a presentación do evento promocional, que se celebrará en Bruxelas o próximo 4 de marzo, e pulsar as preferencias dos empresarios asistentes para priorizar o desenvolvemento de eventos de promoción dos productos agroalimentarios noutros mercados internacionais de interese. Zurich, Berlín, Londres e Nova York son outros destinos considerados para este ano.

O encontro permitiu avanzar na localización e selección dos mercados, onde as empresas galegas de alimentación e bebidas poderán presentar en 2016 os seus mellores produtos para impulsar as súas exportacións, contando co apoio das liñas de axuda habilitadas polo Igape.

O obxectivo dos eventos Galician Gourmet Extravaganza é promocionar a gastronomía e os mellores produtos alimentarios galegos nos mercados internacionais prioritarios para o tecido produtivo, presentándoos de forma creativa é novidosa e contando para elo coa colaboración de destacados chefs.

O evento piloto desenvolveuse o pasado mes de outubro no Melia White House de Londres, onde 500 expertos gastronómicos británicos puideron coñecer selectos menús de degustación preparados por dous chefs galegos. No evento houbo tamén unha cata de viños e licores galegos, e 30 empresas galegas tiveron oportunidade de participar, xunto cos representantes das denominacións de orixe e consellos reguladores, nunha feira exposición de produtos agroalimentarios galegos.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios
Logo Fondos Europeos