Mércores, 27 Xaneiro 2016 12:38

A Xunta salienta a aposta da empresa Steelcore por innovar nos seus procesos cara á Industria 4.0

O director do Igape, Javier Aguilera, visitou as instalacións da firma de Ordes, especializada en carpintería metálica, pezas de ascensores e mobiliario para recoñecidas tendas de moda e hostalería. A compañía contou co apoio da Xunta para optimizar a súa produción mediante a incorporación dunha moderna máquina de corte por láser que lle permite realizar traballos de maior precisión, en menos tempo e con menor consumo enerxético. Aguilera destaca que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar, a través do Igape, convocatorias de axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para apoiar os investimentos, a mellora da competitividade, a cooperación e a internacionalización das empresas galegas

Ordes (A Coruña), 27 de xaneiro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a aposta da empresa ordense Steelcore por innovar nos seus procesos cara á Industria, 4.0, un esforzo no que está a ter o respaldo do Goberno galego no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. En concreto, a empresa contou co apoio do Igape para incorporar unha cortadora láser de alta tecnoloxía, que lle permite reducir o seu consumo enerxético e ofrecer aos seus clientes traballos de maior calidade e precisión.

A compañía ordense ten realizado traballos para compañías líderes no seu sector, fabricando mobles e complementos metálicos, principalmente para tendas téxtiles ou establecementos hostaleiros, así como pezas para ascensores ou equipos de elevación.

Durante a súa visita ás instalacións da empresa Aguilera destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar, a través do Igape, convocatorias de axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para apoiar os investimentos, a mellora da competitividade, a cooperación, a internacionalización ou o funcionamento operativo das empresas galegas

Entre outros, o Igape acaba de activar o programa Galicia Inviste para impulsar novos investimentos, e o programa Galicia Emprende, para apoiar proxectos impulsados por novos emprendedores, dotados conxuntamente con case 16 millóns de euros. O director do Igape resaltou ademais que o instituto vén de poñer en marcha o concurso de ideas Industria 4.0, que busca impulsar o desenvolvemento de proxectos demostradores de tecnoloxía da fábrica intelixente, que marquen o camiño para o desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 durante os próximos anos.

Por outra banda, Javier Aguilera destacou que, co obxectivo de seguir impulsando a internacionalización do tecido empresarial galego, o Igape acaba de convocar para 2016 axudas que suman 9,5 millóns de euros para apoiar ás empresas galegas que buscan iniciar ou ampliar as súas exportacións. De forma paralela, o Igape activou programas como o Resolve, para facilitar o financiamento operativo das pemes galegas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios
Logo Fondos Europeos