Luns, 08 Febreiro 2016 14:55

A Xunta destaca a empresa coruñesa Domotecnología y Seguridad como referente de emprendemento innovador

O director do Igape, Javier Aguilera, salienta a aposta desta compañía pola fabricación e instalación de avanzados equipos de domótica e seguridade desenvolvidos con patentes propias. Destaca o espírito emprendedor e a sintonía cos obxectivos da Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0 da firma localizada no parque empresarial de Alvedro. Domotecnología y Seguridad conta con financiamento do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras e con axuda do programa Galicia Emprende, que segue aberto para apoiar investimentos de novos emprendedores a partir de 25.000 euros.

Culleredo (A Coruña), 8 de febreiro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou esta mañá nunha visita ás instalacións en Alvedro de Domotecnología y Seguridad a súa aposta pola innovación tecnolóxica, que converte o proxecto nun referente do emprendemento innovador que promove a Xunta. A empresa conta con financiamento do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras e con axuda do programa Galicia Emprende.

 

Aguilera salientou o compromiso desta compañía co deseño, fabricación con patentes propias e instalación de modernos equipos de domótica e seguridade, en sintonía co que busca a Consellería de Economía, Emprego e Industria mediante o desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.

A compañía coruñesa, cualificada como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica, desenvolveu o sistema Authom que integra a domótica e a seguridade nun único equipo tecnolóxico, patentado pola empresa e que ofrece vantaxes como a facilidade de instalación e de manexo, o prezo ou o servizo técnico propio. O equipo Authom, ademais, é compatible con todas a centrais receptoras de alarmas existentes no mercado.

Durante a súa visita a esta empresa, Aguilera destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou para este ano, a través do Igape, convocatorias de axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para apoiar os novos investimentos, a mellora da competitividade, o financiamento circulante ou a internacionalización das empresas.

Segundo salientou, o Igape mantén abertas, entre outras, as convocatorias dos programa Galicia Inviste, para apoiar novos investimentos a partir de 50.000 euros, e do programa Galicia Emprende, para proxectos promovidos por novos emprendedores con investimentos a partir e 25.000 euros. O director do Igape, por outra banda, destacou que, para apoiar a proxección do tecido empresarial galego nara a mercados internacionais, o Igape vén convocar axudas, que suman case 10 millóns de euros, para pemes galegas que buscan incrementar as súas exportacións.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios
Logo Fondos Europeos