Martes, 16 Febreiro 2016 14:35

A Xunta achega a empresas e centros de innovación as claves para comercializar tecnoloxía en mercados exteriores

Expertos de Alemaña e Países Baixos participan o día 18 en Santiago e o 19 na Coruña no III Taller Marketing Expertise. Os encontros, organizados polo Igape en colaboración coa Cátedra Jean Monet da Universidade da Coruña, contarán con Jürgen Janovsky, experto en xestión da innovación, e P.A. Breddels, desenvolvedor de negocios para empresas de alto contido tecnolóxico.

Santiago, 16 de febreiro de 2016.- O III Taller Marketing Expertise, organizado polo Igape en colaboración coa Cátedra Jean Monet da Universidade da Coruña, desenvolverase esta semana na Coruña e en Santiago contando con expertos de prestixio procedentes de Alemaña e Países Baixos que compartirán o seu coñecemento no ámbito da comercialización da investigación tecnolóxica co tecido empresarial galego.

 

O primeiro dos encontros cos relatores convidados a este III Taller de Marketing Expertise, Jürgen Janovsky, profesor da Universidade de Pforzheim (Alemaña) e experto en xestión da innovación, transferencia de tecnoloxía e desenvolvemento de pemes, e P.A. Breddels, desenvolvedor de negocios para empresas de alto contido tecnolóxico no Holst Centre Research Institute (Países Baixos), desenvolverase en Santiago o próximo xoves, día 18, na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (rúa do Vilar, 54) a partir das 9:45 horas.

O venres 19, a partir das 11:45, a sede da CEC na Coruña (praza Luis Seoane) acollerá o segundo encontro, seguido doutro que se desenvolverá, ese mesmo día, a partir das 17:45, na Facultade de Economía e Empresa da UDC. Os interesados poden consultar máis información e inscribirse na web do Igape.

Os talleres de International Marketing Expertise están destinados a facilitar o contacto directo de empresas e responsables de centros tecnolóxicos ou de investigación con expertos coñecedores das demandas da industria actual en mercados de especial interese para o tecido empresarial galego. Estes encontros especializados forman parte das medidas impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, no eixo destinado a promover a cultura da internacionalización.

Ao abeiro desta estratexia, a proxección exterior do tecido empresarial galego confórmase como un dos eixos prioritarios da política económica da Xunta para consolidar o crecemento da economía e a xeración de emprego en Galicia. O obxectivo é conseguir que as exportacións alcancen o 40% do PIB en 2020, ampliando ao mesmo tempo o número das empresas exportadoras e a captación de investimentos estranxeiros.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios