Xoves, 07 Xullo 2016 14:07

A Xunta salienta o completo marco de instrumentos de apoio para a creación e o crecemento de empresas innovadoras en Galicia

O director do Igape, Javier Aguilera destaca que os emprendedores dispoñen de servizos integrais de formación e asesoramento e de instrumentos como o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, dotado con 5 millóns de euros. Durante a súa intervención nunha xornada sobre a promoción de empresas innovadoras e de rápido crecemento impulsada polo Comité Económico e Social Europeo, resaltou tamén a convocatoria en 2016 de apoios directos ao emprendemento dotadas con 7,5 millóns de euros. Defende seguir avanzando en aspectos como prestixiar a figura do emprendedor, especialmente entre os universitarios, e na coordinación dos recursos públicos e privados. Sinala as aceleradoras Vía Galicia, Galicia Open Future ou Business Factory Auto como exemplos a seguir para favorecer o emprendemento innovador e con alto potencial de futuro.

Santiago, 7 de xullo de 2016.- Os emprendedores e as pemes que apostan por diversificar a súa actividade e impulsar proxectos tecnolóxicos en Galicia dispoñen dun completo e variado marco de instrumentos de asesoramento e apoio, segundo salientou hoxe o director do Igape, Javier Aguilera, na xornada sobre a promoción de empresas innovadoras e de rápido crecemento impulsada polo Comité Económico e Social Europeo.

Durante a súa intervención no debate que se celebrou no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela, Aguilera destacou que os emprendedores dispoñen actualmente en Galicia dun ecosistema favorable á creación e desenvolvemento de novas empresas baseadas na innovación e a aplicación de novas tecnoloxías.

Entre outros instrumentos a disposición dos emprendedores referiuse ao Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, dotado con 5 millóns de euros, e ás convocatorias de axudas directas do Igape para apoiar investimentos de emprendedores ou novas empresas que apostan por medrar ou diversificarse, dotadas con 7,5 millóns de euros.

O director do Igape destacou os esforzos que está a facer a Xunta, no marco da Lei de Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia, para facilitar o reforzamento e confluencia dos servizos e instrumentos de formación, asesoramento e financiamento de novos proxectos empresariais. Instrumentos entre os que destacou a Rede Galega de Mentores e a Rede Galega de Business Angels. Por outra banda, estimou necesario seguir avanzando en aspectos como prestixiar a figura do emprendedor, especialmente entre os universitarios, así como na coordinación dos recursos públicos e privados para apoiar a creación e o crecemento das novas empresas.

Nesta mesma liña, Aguilera destacou a próxima posta en marcha de novas aceleradoras de emprendemento apoiadas pola Xunta xunto á EOI en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Mondoñedo, Monforte, Xinzo de Limia e Celanova, que se suman ás de Vía Galicia en Vigo e Lugo, a Agrobiotech en Lugo e Ourense e a Galicia Open Future en Santiago de Compostela para reforzar un completo marco de opcións ao servizo da posta en marcha de novos proxectos empresariais en Galicia. Salientou igualmente o exemplo do Business Factory Auto, que poderá replicarse noutros ámbitos, como instrumento de promoción de emprendemento sectorial innovador.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios