Venres, 02 Decembro 2016 15:09

O Igape destaca o repunte na taxa de emprendemento e o incremento dos apoios na presentación do estudo GEM Galicia

O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe que a intención de emprender acada o nivel máis elevado nunha década e lembra que Galicia conta con servizos e apoios á creación de novas empresas. O Informe Executivo GEM Galicia 2015, no que colaboran a USC, o Igape e AJE Galicia, avalía a evolución do emprendemento na comunidade autónoma e subliña que os emprendedores valoran apoiarse nas TIC e pensan na exportación. No marco da Lei de Emprendemento, o Goberno galego coordina un marco integral de apoios que suma asesoramento para o deseño do proxectos e axudas para a creación, a consolidación e a internacionalización das novas compañías.

Santiago, 2 de decembro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá en Santiago, durante a presentación do Informe Executivo GEM Galicia 2015, o repunte da taxa de emprendemento na comunidade galega e o incremento dos servizos de asesoramento e instrumentos de apoio habilitados pola Xunta.

O Informe Executivo Gem Galicia 2015, no que colaboraron a Universidade de Santiago, a Xunta, a través do Igape, e AJE Galicia, avalía a evolución do emprendemento na comunidade autónoma e destaca que os emprendedores consultados valoran apoiarse nas TIC (10%) e o 20% manifestan intención de apostar pola internacionalización.

O indicador que mide a taxa de poboación con intención de emprender (TEA) acadou no pasado ano o 5,51% en Galicia, o nivel máis elevado desde 2008. Así, o observatorio do emprendemento amosa unha positiva visión da intención de emprender, asentada nas iniciativas situadas entre 3 e 42 meses de actividade, o estadio máis complicado no proceso de creación de novas empresas.

Durante a súa intervención na presentación do GEM, Aguilera destacou que, no marco da Lei de Emprendemento, o Goberno galego coordina un marco integral de apoios que suma asesoramento para o deseño dos proxectos e axudas para a creación, a consolidación e a internacionalización das novas compañías; un marco de apoios que se reforza asentado na cooperación das universidades e de AJE Galicia, entre outras entidades que traballan a prol do emprendemento.

Aguilera avanzou tamén que os emprendedores galegos poderán acceder, o próximo ano, a servizos e instrumentos de apoio que incluirá microcréditos, préstamos directos, préstamos participativos e subvencións a fondo perdido. Recordou tamén a recente creación da Rede Galega de Investidores Particulares, chamada a reforzar a confluencia de recursos públicos e privados para que ningún proxecto empresarial viable quede sen poñerse en marcha por falta de axudas adecuadas ás súas características.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios