Martes, 13 Decembro 2016 15:25

A Xunta salienta a transferencia de tecnoloxía como chave para a mellora da competitividade empresarial na Industria 4.0

O director do Igape, Javier Aguilera, participou esta mañá en Santiago na xornada Innovar é aforrar, organizada pola APD para achegarlles ás empresas galegas as claves de financiamento e fiscalidade neste ámbito. Salienta a importancia dos servizos aos que as pemes poden acceder a través do programa Reacciona TIC para consolidar avances e melloras tanto en procesos como en produtos.

 

Santiago, 13 de decembro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá en Santiago, durante a súa participación na apertura da xornada técnica "Innovar é aforrar", que a innovación continua e a transferencia de tecnoloxía son as principais claves para asegurar a mellora da competitividade no ámbito da Industria 4.0 que promove a Xunta de Galicia.

Durante este encontro organizado pola APD en colaboración coa F. Iniciativas, Aguilera subliñou que a Xunta está impulsando o desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, precisamente para apoiar a incorporación ás empresas das novas tecnoloxías.

Ademais de mencionar axudas como as destinadas a promover proxectos Fábrica 4.0 nas 38 empresas beneficiarias da primeira convocatoria, o director do Igape destacou que, a través do programa ReAcciona TIC, as pemes galegas poderán acceder a información e asesoramento sobre as oportunidades e os retos relacionados coa transformación dixital e a Industria 4.0. Impulsado conxuntamente polo Igape e a Amtega, o programa está aberto á presentación de solicitudes para facilitarlles ás empresas beneficiarias a incorporación de competencias e novas tecnoloxías para mellorar a súa competitividade futura.

O ReAcciona TIC inclúe servizos para establecer novas fórmulas de produción e para impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución. Deste xeito, engadiu Aguilera, as pemes poderán acceder a asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0 que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade.

A xornada incluíu o desenvolvemento de dúas mesas redondas nas que participaron representantes do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e da Axencia Estatal de Administración Tributaria; da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI); profesionais expertos en fiscalidade e financiamento de proxectos de I+D+i; e representantes de empresas como Castrosúa, Televés, Clesa ou Sivsa.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios