Venres, 27 Xaneiro 2017 15:18

A Xunta destaca en Vigo que o programa Reforma 16 facilitou melloras en baños e cociñas de máis de 4.200 fogares galegos

A última edición do plan impulsado polo Goberno galego concedeu axudas que suman preto de 3 millóns de euros para apoiar ás familias no acondicionamento destes espazos estimulando a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos do sector da construción. O director do Igape, Juan Cividanes, salientou, logo dun encontro con directivos de Asemaco, que o Reforma 16 mobilizou uns investimentos de preto de 30 millóns de euros con axudas que supuxeron rebaixas do 40% dos custos. O Programa Reforma facilitou nos dous últimos anos obras de modernización en máis de 7.000 fogares galegos mobilizando arredor de 50 millóns de euros.

Vigo, 26 de xaneiro de 2016.-A Xunta de Galicia facilitou durante o pasado ano obras de mellora en cociñas e baños de máis de 4.200 fogares galegos ao abeiro do programa Reforma 16. Segundo salientou o director do Igape, Juan Cividanes, logo dun encontro con directivos da Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), o programa mobilizou así arredor de 30 millóns de euros en investimentos.

A última edición do plan impulsado polo Goberno galego, desenvolvido coa colaboración de Asemaco e das empresas de materiais de construción adheridas, concedeu axudas que suman preto de 3 millóns de euros para apoiar ás familias no acondicionamento e modernización destes espazos estimulando a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos do sector da construción.

Ao abeiro deste programa destinado a impulsar a actividade económica no sector, a axuda da Xunta cubriu o 20% dos investimentos aprobados –materiais e mobiliario de cociña e baño, agás electrodomésticos–, con límite entre 200 e 1.000 por persoa e domicilio particular. A entidade colaboradora realizou, no marco do Reforma 16, un desconto equivalente ao do IGAPE, polo que a rebaixa global para as familias foi de arredor do 40%.

O director salientou os resultados acadados por este programa, baseado na cooperación con Asemaco e no compromiso dos establecementos adheridos. A tramitación das solicitudes de axuda realizouse nos 387 establecementos adheridos, e foron resoltas pola Xunta por vía telemática en poucos días.

O Programa Reforma facilitou nos dous últimos anos obras de modernización en máis de 7.000 fogares galegos mobilizando arredor de 50 millóns de euros mediante a dinamización da demanda interna.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios