Martes, 07 Febreiro 2017 08:31

A Xunta salienta o labor de Clusaga na promoción das exportacións das empresas alimentarias galegas

O director do Igape, Juan Cividanes, reuniuse esta mañá co Clúster Alimentario de Galicia, un sector do que destacou que está apostando pola captación de clientes en mercados exteriores. Animou a Clusaga a impulsar nas empresas do sector investimentos tecnolóxicos ao abeiro da segunda edición do concurso de ideas Industria 4.0, para o que se abriu hoxe o prazo para presentar propostas. No marco desta liña promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a fábrica intelixente, tres empresas alimentarias están desenvolvendo proxectos de Industria 4.0

Santiago, 6 de febreiro de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe o labor do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) como dinamizador das exportacións nas empresas deste sector, un dos que máis está apostando pola entrada nos mercados internacionais. Neste sentido, lembrou que xa está activada a convocatoria do programa Galicia Exporta para organismos intermedios e, deste xeito, seguir apoiando proxectos colectivos neste ámbito.

Cividanes mantivo esta mañá un encontro cos directivos do clúster, aos que animou a impulsar igualmente nas empresas do sector alimentario novos investimentos tecnolóxicos ao abeiro da nova convocatoria para proxectos piloto de Industria 4.0 que acaba de publicarse.

Tres empresas do sector de alimentación, contando coa colaboración e o impulso do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), están a desenvolver investimentos 4.0 ao abeiro da anterior convocatoria: Innolact, Kiwi Atlántico e Bodegas Martín Códax. Cividanes amosou o convencemento de que a experiencia servirá para que novas empresas alimentarias aposten por investir no eido da fábrica intelixente.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar a convocatoria da segunda edición do concurso de ideas Industria 4.0, dotada con catro millóns de euros e coa que se prevé mobilizar 10 millóns en seis proxectos piloto nos que se agarda a participación de arredor de medio cento de pequenas e medianas empresas galegas. O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde hoxe.

As empresas do sector alimentario que se acolleron á convocatoria deste programa de axudas o ano pasado están a aplicar tecnoloxías 4.0 nos procesos empresariais; solucións dixitais nunha liña intelixente de envasado de bebidas, no caso de Martín Códax; desenvolvemento dun sistema non invasivo para determinar a calidade do froito e clasificalo automáticamente, no caso de Kiwi Atlántico; ou aplicación de sistemas de automatización no proceso produtivo, no caso de Innolact. As axudas concedidas desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria mobilizan máis de 500.000 de euros en investimentos 4.0.

No marco da liña para proxectos relacionados coa fábrica intelixente están desenvolvendo proxectos, de acordo co previsto na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, empresas doutros sectores como o da automoción, o aeronáutico ou o da madeira.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios