Mércores, 08 Febreiro 2017 14:51

A Xunta destaca o potencial dos proxectos colectivos para avanzar na internacionalización do tecido empresarial galego

O director do Igape, Juan Cividanes, afirmou hoxe en Santiago que as exportacións galegas camiñan cara a un novo récord histórico durante a súa participación no taller informativo sobre as bases do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que prevé apoiar a 200 empresas. Salientou o papel das asociacións empresariais, clusters, centros tecnolóxicos e consellos reguladores para optimizar recursos e dinamizar a captación de novos clientes para as empresas nos mercados exteriores. O prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro deste programa está aberto ata o próximo 27 de marzo.

Santiago, 8 de febreiro de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe que as exportacións galegas camiñan cara a un novo récord histórico e salientou o importante papel que están a desenvolver as asociacións empresariais, os clusters, centros tecnolóxicos e consellos reguladores para dinamizar e consolidar os avances das empresas galegas na súa internacionalización.

Durante as súa participación no taller informativo sobre a nova convocatoria do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que se acaba de activar, o director do Igape destacou que os proxectos colectivos, mediante grupos de polo menos tres empresas con intereses coincidentes nos mesmos mercados internacionais, constitúen a mellor opción para optimizar o uso dos recursos públicos.

O prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro deste programa está aberto ata o próximo 27 de marzo. As axudas previstas nesta convocatoria cobren o 80% dos gastos subvencionables. Mediante o programa Galicia Exporta Organismos Intermedios prevese apoiar este ano a 200 empresas, no marco dunha trintena de proxectos colectivos.

Os proxectos estarán promovidos por organismos intermedios domiciliados en Galicia. En concreto, estas axudas a actuacións no exterior están dirixidas a apoiar o esforzo realizado por entidades empresariais para axudar a pequenas e medianas empresas galegas de modo agrupado, aproveitando sinerxías e cooperando entre si.

A convocatoria resolverase por concorrencia competitiva e o prazo para desenvolver os proxectos de internacionalización aprobados será ata mediados de 2018. Os beneficiarios realizarán accións de internacionalización, como misións empresariais directas a calquera país estranxeiro, participación en feiras e exposicións, ou proxectos cooperativos en destino para a implantación promocional ou prospección de mercados.

Ao abeiro das dúas edicións anteriores do Galicia Exporta Organismos Intermedios, en 2014 e 2016, concedéronse axudas por valor de 2,85 millóns de euros para apoiar 50 solicitudes que se desenvolveron en máis de 50 países.

A nova convocatoria para organismos intermedios, agora activada e cofinanciada con fondos Feder, completarase con outras iniciativas que se están a desenvolver tamén ao abeiro da Estratexia de internacionalización da Empresa Galega 2020, como son o programa Foexga, o programa Galicia Exporta Empresas e as axudas para a contratación de xestores de internacionalización.

Como resultado do esforzo continuado das empresas, a miúdo coordinadas por organismos intermedios e apoiadas pola Xunta, Galicia está a bater de novo os seus rexistros históricos de exportacións. Así, de xaneiro a novembro de 2016, as exportacións da comunidade medraron un 6,1% fronte ao mesmo período de 2015, multiplicando case por catro a media española.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios