Luns, 27 Febreiro 2017 15:16

Máis de 350 empresas melloran a súa competitividade a través dos servizos dos programas ReAcciona e ReAcciona TIC da Xunta

As actuacións máis demandadas están centradas en ámbitos como o relanzamento comercial, a optimización financeira, as solucións de marketing dixital ou a mellora da xestión mediante solucións dixitais innovadoras. O programa Reacciona do Igape ten como obxectivo prioritario o de potenciar as competencias e habilidades do capital humano das empresas, para que as melloras introducidas na xestión poidan ter carácter permanente. O Reacciona TIC, iniciativa da Amtega e do Igape, facilita o acceso das pemes á servizos de asistencia, diagnose e/ou soporte na implantación de solucións de empresa dixital e da empresa 4.0. Mañá remata o prazo de presentación de solicitudes para a vixente convocatoria de ambos programas, que irá seguida doutra en datas próximas.

Santiago, 27 de febreiro de 2017.- As últimas convocatorias dos programas ReAcciona e ReAcciona TIC impulsados pola Xunta están a facilitar a mellora da competitividade de 362 empresas galegas, mediante a aplicación de 420 servizos avanzados en ámbitos como o relanzamento comercial ou a xestión financeira, a incorporación de solucións dixitais ou da industria 4.0 nas pemes beneficiarias.

Ao abeiro das últimas convocatorias do programa Reacciona, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, aprobáronse 315 solicitudes correspondentes a 295 empresas que apostan por mellorar a súa competitividade mediante servizos de asesoramento para o relanzamento comercial; de mellora da xestión financeira e procura de financiamento; optimización da produción e cadea loxística; ou de posta en marcha dun plan estratéxico de mellora.

O 30% das empresas acollidas a este programa están especializadas na prestación de servizos a outras empresas; o 24% corresponden ao sector industrial, o 14% pertencen ao sector de servizos, o 13% ao de comercio maiorista e o 10% á hostalería e comercio polo miúdo. O 46% das compañías acollidas ao programa Reacciona teñen menos de 5 traballadores, mentres que o 27% teñen entre 6 e 15 empregados e o 21%, entre 16 e 50.

Ao abeiro do programa ReAccionaTIC, promovido conxuntamente polo Igape e a Amtega, aprobáronse ata agora 105 servizos correspondentes a 94 empresas. Entre os servizos máis demandados están os de soporte á implantación de solucións de marketing dixital, os de mellora da xestión empresarial mediante solucións dixitais innovadoras e os de diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa, e para localizar capacidades e oportunidades mediante aplicacións de solucións 4.0.

O 32% das empresas beneficiarias do ReAcciona TIC dedícanse á prestación de servizos a outras empresas, mentres que o 24% facilitan outros servizos, o 19% teñen actividade industrial e o 11% corresponden ao sector da hostalería ou ao comercio polo miúdo. O 63% das empresas beneficiarias teñen menos de 6 empregados, mentres que o 17% teñen entre 6 e 15 traballadores e o 14% teñen entre 16 e 50.
Servizos Empresa 4.0

Reacciona TIC ofrece tamén un catalogo de solucións para impulsar a Empresa 4.0 con servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución.

Deste xeito, as pemes poden acceder ao asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e ás oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0, que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade dos contornos produtivos.

No ámbito da empresa dixital o Programa Reacciona TIC ofrece servizos de elaboración da diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa, así como de soporte á implantación de solucións dixitais de mobilidade, de mellora da xestión empresarial ou de marketing dixital.

Coa oferta destes servizos, a Xunta busca contribuír á mellora do futuro das empresas galegas mediante a adquisición de novas competencias e a incorporación de tecnoloxías que permitan ás empresas gozar de vantaxes competitivas, da man dunha rede de axentes colaboradores especializados, integrada por empresas tecnolóxicas, que as asesoran e acompañan en todo o proceso.

Mañá, día 28, remata o prazo de presentación de solicitudes para as vixentes convocatorias dos programas ReAcciona e ReAcciona TIC, que irán seguidas doutras sucesivas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios